O Tribunal Constitucional español admite o recurso do PP contra a reforma do poder xudicial

O Tribunal Constitucional español admitiu o recurso do PP contra a reforma do poder xudicial que debería votarse na quinta feira no Senado español e que modifica o sistema de elección dos propios maxistrados do tribunal.

Gráficos fronte ao edificio do Tribunal Constitucional o 19 de decembro de 2022 (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Gráficos fronte ao edificio do Tribunal Constitucional o 19 de decembro de 2022 (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

O PP presentara un recurso contra a reforma e tamén solicitara a suspensión como medida cautelarísima, algo que agora empezou a debater o tribunal.

O obxectivo da medida sería evitar que a reforma entrase en vigor, porque se a lei se publica no BOE, nomearanse os novos maxistrados, o que cambiaría a maioría do Tribunal Constitucional e previsibelmente deixará a resolución deste recurso en mans dun tribunal con maioría progresista.

Antes, o tribunal rexeitou as recusacións que fixeran o PSOE e Podemos dos maxistrados conservadores Pedro González-Trevijano e Antonio Narváez, que puideron cambiar o resultado da votación. Así, os maxistrados conservadores impuxeron a súa maioría, de 6 votos, fronte aos 5 progresistas, para desbotar as recusacións, que de teren sido aprobadas, reverterían a maioría, deixando vía libre para tombar as medidas cautelarísimas pedidas polo PP para frear as reformas do Constitucional que se están a tramitar no Parlamento.

Todo iso a vinte e catro horas dun novo pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que podería facer decaer parte da situación. Os vogais deben votar os dous candidatos –un progresista e un conservador- que deben ocupar cadeiras no Tribunal Constitucional.

O sector conservador aproveita que o actual sistema de designación aínda marca unha maioría de 3/5 para que os progresistas acaben aceptando a substitución do seu candidato actual, José Manuel Bandrés, polo tamén progresista Pablo Lucas.

O motivo é que Bandrés -contrariamente a Lucas- optaría por votar a favor da presidencia do progresista Cándido Conde-Pumpido no Constitucional, e non doutras opcións preferidas pola dereita como podería ser a maxistrada María Luisa Balaguer.

O sector conservador do CXPX pediu este pleno para poder designar os maxistrados antes de que entre en vigor a reforma do código penal, porque o cambio de sistema permitirá que sexan designados os dous candidatos máis votados e, por tanto, Bandrés –e non Lucas– ocuparía unha cadeira no TC.

O pleno continúa ás 21 horas para decidir se se permite a votación no Senado da quinta feira, 22 de decembro, da reforma exprés que se modifica as leis orgánicas do Poder Xudicial e do Constitucional, coa que se desbloquearía inmediatamente a renovación do tribunal de garantías.

Comentarios