Así reaccionou o panorama político á resolución do Tribunal Constitucional

Pedro Sánchez, a Comisión Europea, Alberto Núñez Feixoo e o BNG, entre outros, reaccionaron á histórica resolución do Tribunal Constitucional español.

Edificio do Tribunal Constitucional en Madrid (Foto: Nós Diario).
photo_camera Edificio do Tribunal Constitucional en Madrid (Foto: Nós Diario).
  1. Pedro Sánchez
  2. Bruxelas
  3. Alberto Núñez Feixoo
  4. Desde a Galiza

O Tribunal Constitucional (TC) español aceptou a última hora desta segunda feira a admisión do recurso de amparo presentado polo Partido Popular (PP) para frear o debate e votación no Senado a próxima quinta feira da mudanza do sistema de elección dos dous membros do tribunal escollidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Esta resolución do Constitucional provocou a reacción da práctica totalidade do panorama político no Estado español e tamén na Galiza. 

Pedro Sánchez

O presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, comprometeuse a "mover ficha" e impedir que organismos constitucionais como o Consello Xeral do Poder Xudicial e o tribunal de garantías sigan bloqueados.

Con todo, non adiantou cales serán os seus plans: "Conforme á lei e á Constitución, o Goberno adoptará cantas medidas sexan precisas para pór fin ao inxustificábel bloqueo do Poder Xudicial e o Constitucional".

"O Tribunal Constitucional acordou, por unha diferenza mínima, unha decisión sen precedentes en 44 anos. O que fixo foi paralizar a acción das Cortes Xerais, que ademais afecta á renovación do Tribunal Constitucional conforme ao que estabelece a Carta Magna", aseverou Sánchez ao tempo que manifestou que "en momentos de incerteza precísase serenidade e firmeza. Serenidade no estrito cumprimento da lei; e firmeza para facer prevalecer o respecto á Constitución e á vontade popular expresada libremente nas eleccións".

Bruxelas

"Existen estándares europeos para as reformas xudiciais importantes, de calado, o que require consultar previamente as partes implicadas". Así respondeu a Comisión Europea (CE) ás preguntas sobre a resolución do TC español.

Ademais, Christian Wigand, portavoz de Xustiza da CE, asegurou que están a "seguir moi de perto as decisións do TC español", porén negouse a concretar nada máis en profundidade xa que "non adoitamos comentar as sentenzas dos tribunais constitucionais de cada Estado".

Alberto Núñez Feixoo

O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, pediu a Sánchez "renunciar a modificar o Código Penal e controlar os xuíces". 

Para Feixoo é "incompatíbel" sentar a renovar o CXPX e o Tribunal Constitucional se Sánchez segue "deshonrando" a democracia con "cesións ao independentismo".

"Non podemos dicir que estamos a favor da despolitización da xustiza e noutra lei deixarlles aos políticos condenados polo Supremo o bolígrafo para redactar os propios delitos que cometeron", aseverou o líder do PP.

Desde a Galiza

A Executiva Nacional do BNG tamén se pronunciou sobre esta resolución do TC. 

"Para o BNG é absolutamente intolerábel a intromisión deste Tribunal no poder lexislativo que supón, na práctica, un intento de golpe xudicial contra o mesmo. Trátase dun feito de extrema gravidade, tanto polo precedente que crea como polo fondo político ao que responde", sentenciou a organización nacionalista.

"O Tribunal Constitucional tense atribuído o papel de intérprete supremo da Constitución. As súas decisións condicionaron en moitos casos a evolución do marco institucional, optando por impor unha visión centralista afastada da realidade plurinacional do Estado", acrecentaron desde o BNG.

Comentarios