Análise

Racha a Constitución

Xoán Antón Pérez-Lema: "Enténdese a proposta da esquerda española na conxuntura dunha dereita filibusteira que tenta conxelar a súa maioría xudicial cando perde a maioría parlamentaria".

O Consello Xeral do Poder Xudicial rexeitou até o de agora propor candidatos para evitar unha "previsíbel" maioría progresista no Constitucional (Foto: Álex Rozados).
photo_camera O Consello Xeral do Poder Xudicial rexeitou até o de agora propor candidatos para evitar unha "previsíbel" maioría progresista no Constitucional. (Ilustración: Álex Rozados)

O Tribunal Constitucional (TC) estimou a solicitude de medida cautelar urxentísima do PP e suspendeu o curso parlamentario das propostas do PSOE e Unidas Podemos para a reforma do sistema de elección e asunción do cargo para determinadas persoas electas para o TC, formuladas como emendas á proposición de lei orgánica de reforma do Código Penal presentada polos mesmos grupos e que propuña suprimir como delito a sedición, regular unha caste de desordes públicas agravadas e adaptar outros delitos á lexislación europea. 

Esta proposición de lei fora obxecto da transacción dunha emenda de ERC para rebaixar tamén substancialmente a malversación por administración desleal, é dicir, a que non ía dirixida a facer medrar o patrimonio do autor ou dun terceiro.

Non suspende a reforma do Código Penal

A decisión do TC impide o debate no Senado só das propostas de reforma dos sistemas de elección e asunción do cargo das persoas maxistradas do TC electas polo Goberno do Estado e polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). 

É segura a aprobación esta semana polo Senado da proposición de reforma do Código Penal que saíu do Pleno do Congreso do 15 de decembro, polo que nas vindeiras semanas desaparecerá a sedición e entrará en vigor o novo regulamento dos delitos de malversación por administración desleal e desordes públicas. 

Aprobar este tipo de emendas é inconstitucional

PSOE e UP introduciron como emendas no proceso de debate da reforma do Código Penal un novo sistema de elección das maxistraturas do TC elixíbeis polo CXPX e da asunción do cargo polos maxistraturas do TC que pode elixir o Goberno do Estado.

O TC está composto por doce persoas electas por 9 anos en tres terzos: 4 polo Congreso dos Deputados, 4 polo Senado e 4 polo Goberno do Estado (2 deles) e polo CXPX (os outros 2). Cada terzo anóvase cada tres anos, de modo que han entrar 4 persoas novas no TC cada tres anos, compoñendo os electos polo Goberno do Estado e polo CXPX unha única xeira.

O mandato dos membros do CXPX caducou hai catro anos

En xuño de 2022 caducou o mandato das electas en 2013 polo Goberno Raxoi e polo CXPX elixido pola maioría absoluta parlamentaria do PP operante daquela. Así, cumpría que un e outro órgano propuxese cadansúa parella de candidatas. Mais o CXPX rexeitou facelo até de agora, para evitar unha previsíbel maioría “progresista” no TC. Os membros do CXPX caducaron no seu mandato hai máis de catro anos.

Entón, o Goberno do Estado decidiu nomear os seus maxistrados sen agardar polo CXPX e, diante da parálise inducida por este e da negativa do TC a aceptar as candidatas do Goberno estatal sen ser electas tamén as do CXPX, PSOE e UP aproveitaron a quenda de presentación de emendas da reforma do Código Penal para inserir estas propostas que garantirían a inmediata asunción do cargo no TC das persoas electas polo Goberno Sánchez (Juan Carlos Campo e mais Laura Díez, ambos os dous progresistas), cesando o presidente do TC, Pedro González-Trevijano e mais Antonio Narváez, os dous conservadores. Isto suporía darlle a volta á maioría conservadora 6-5 actual por unha progresista 6-5.

Ademais, mudábase o sistema de elección das dúas maxistraturas do CXPX da actual maioría de 3/5 á maioría simple, o que consolidaría a maioría progresista a 7-4. As persoas electas integraríanse de contado no TC. 

Enténdese a proposta da esquerda española na conxuntura dunha dereita filibusteira que tenta conxelar a súa maioría xudicial cando perde a maioría parlamentaria. Mais PSOE e UP coñecían perfectamente a doutrina do TC a respecto da introdución de emendas sen conexión coa proposta lexislativa que se está a debater. Porque foron os senadores socialistas os primeiros que recorreron a introdución dunha emenda semellante, no debate da Lei de Arbitraxe de 2003, cando o PP introduciu no Código Penal o delito de convocatoria de referendos ilegais malia que non tiña nada a ver coa materia da proposta que se debatía. O TC estimou o recurso en 2011, polo que a doutrina ficou ben sabida.

Mañá desenvolveremos a barbaridade xurídica de que votaran os maxistrados recusados e do inconstitucional da suspensión do proceso de decisión dun Parlamento, como xa pasara no 2017 e 2018 co Parlament de Catalunya. Haberemos analizar tamén o dano sufrido polas regras do xogo constitucional desde a fenda da sentenza do Estatut no 2010 até este día.

Comentarios