O Tribunal Constitucional dá un "golpe brando xudicial"

O Constitucional aproba o recurso do PP para frear a remuda de dous xuíces conservadores, o que xera un choque entre poderes do Estado ao impedir o lexislativo que debata e vote unha iniciativa, algo que acontecera en Catalunya mais non a nivel estatal.
Tribunal Constitucional español co novo presidente, Pedro González-Trevijano (centro). (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera Tribunal Constitucional español co novo presidente, Pedro González-Trevijano (centro). (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

O Tribunal Constitucional español aceptou a última hora desta segunda feira a admisión do recurso de amparo presentado polo Partido Popular (PP) para frear o debate e votación no Senado a próxima quinta feira da mudanza do sistema de elección dos dous membros do tribunal escollidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) -aprobada a pasada quinta feira no Congreso-, cuestionando a súa legalidade. A votación no seo do Constitucional saíu adiante grazas aos seis votos dos maxistrados conservadores e fronte aos cinco dos xuíces progresistas.

Esta modificación permitiría que no seo do Poder Xudicial a elección precise maioría simple, mentres que na actualidade son necesarios tres quintas partes dos apoios, e chega tras máis de catro anos da caducidade do mandato do CXPX, cuxa renovación está bloqueada desde aquela polo PP, que busca manter unha maioría conservadora no órgano de goberno das xuízas e xuíces.

A intención da coalición gobernamental entre PSOE e Unidas Podemos (UP) co troco na normativa é que a maioría conservadora no Constitucional pase a ser progresista coa remuda do presidente do tribunal, Pedro González-Trevijano, e do xuíz Antonio Narváez, que teñen desde xuño o mandato caducado.

Desde a sexta feira, 24 horas despois de que os cinco maxistrados progresistas do Constitucional forzaran a suspensión do debate solicitando máis tempo para estudar o asunto, PP, PSOE, UP e Vox -reiterando as medidas reclamadas polo PP- presentaron 19 novos escritos para xustificar cadansúa posición e exixir medidas ao tribunal nun ou noutro sentido.

Rexeitan a recusación

Os escritos de PSOE e UP demandaban a recusación de González-Trevijano e Narváez, por ser parte interesada da decisión, pois no caso de ter luz verde a modificación impulsada polo Executivo serían substituídos. Isto non impediu que co seu voto os seis xuíces conservadores rexeitaran a recusación alegando cuestións técnicas.

Ademais, UP lanzou un novo escrito no que reclama ao Constitucional que envíe unha cuestión pre xudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea para que aclare se os dous maxistrados que busca recusar deberían absterse de participar no debate do órgano.

A pesar de aceptar a apelación do PP, en 2013 o mesmo Constitucional deixou claro ao avalar unha reforma nas maiorías internas para a renovación do CXPX durante o mandato de José Luis Rodríguez Zapatero que era unha cuestión que ficaba “a criterio do lexislador”.

Medida inédita

As e os maxistrados acordaron finalmente aceptar a suspensión da tramitación parlamentar incluída no recurso do PP. Esta é a primeira vez que o Constitucional veta a posibilidade de debater e votar un texto no lexislativo estatal, polo que constitúe unha medida inédita co potencial de xerar un choque de poderes no Estado español.

A Lei orgánica do Tribunal Constitucional fixa que unha suspensión como a proposta polo PP está xustificada cando “non ocasione unha perturbación grave a un interese constitucionalmente protexido, nin aos dereitos fundamentais ou liberdades doutra persoa”. Precisamente, fontes xudiciais citadas por Europa Press inciden en que interferir co Poder Lexislativo e limitar os dereitos das lexisladoras e lexisladores é unha “perturbación grave”.

A Fiscalía do Constitucional tamén amosou o seu rexeitamento ás medidas demandadas polo PP, facendo fincapé en que “aprobalas sería como adiantar a solución ao fondo do recurso de amparo”. A pesar de que non se produciron casos similares a nivel estatal, o deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, fixo fincapé en que o Constitucional xa impediu a tramitación parlamentar hai poucos anos en Catalunya de iniciativas vinculadas coa autodeterminación ou de rexeitamento á monarquía.

“Unha vez que sentaron un precedente co consenso das forzas que sustentan o réxime de 1978 vense con lexitimidade para facelo neste momento”, explica en declaracións a Nós Diario, lembrando que as forzas políticas estatais do campo progresista “aplaudía e estaba de acordo”, mais cando entre elas non son quen de pactar “acontece isto”.

“Golpe brando xudicial”

Nese sentido, Rego sinala que esta decisión ademais de constituír un “golpe brando xudicial”, evidencia aínda máis “o escoramento cara á dereita e á ultradereita que se mantivo desde a transición” na Xustiza, o que relaciona coa falta dunha ruptura democrática co franquismo ou dunha depuración dos tribunais, nos que se perpetuaron os xuíces instaurados durante a ditadura.

Ao mesmo tempo, o parlamentario nacionalista chamou á "unidade das forzas democráticas" ante unha medida "ilexítima", polo que instou o Congreso e o Senado a seguir adiante coa reforma e "defender a capacidade" das Cortes "para lexislar".

En termos semellantes se expresaron as forzas soberanistas e Alejandra Jacinto, co voceira de UP, que afirmou que suspender o debate e voto dunha proposta no lexislativo sería unha resolución “moi grave” e “antidemocrática”, insistiu, polo que de calquera forma defendeu que habería que proceder coa tramitación parlamentaria.

A voceira da Executiva do PSOE e ministra de Educación e Formación, Pilar Alegría, salientou que "como demócrata non quero nin imaxinar" que o tribunal acepte as medidas propostas no recurso do PP, malia que finalmente así foi.

Feixoo acusa Sánchez

Entrementres, o líder da oposición estatal e do PP, Alberto Núñez Feixoo, prometeu “chegar até onde faga falla” para frear a mudanza no Código Penal, acusando o presidente, Pedro Sánchez, de pór en risco “os alicerces básicos da democracia” coa mudanza do Código Penal.

Comentarios