Crise institucional

Reaccións á decisión do Tribunal Constitucional: A democracia, en cuestión

A decisión do Tribunal Constitucional español de impedir ao Senado desenvolver a súa actividade lexislativa marca a axenda política na Galiza. 'Nós Diario' recolle as valoracións dos responsábeis das principais formacións.
De esquerda a dereita, Alfonso Rueda (PP), Ana Pontón (BNG), Luís Álvarez (PSdeG) e Borja San Ramón (Podemos). [Fotos: Europa Press | Nós Diario]
photo_camera De esquerda a dereita, Alfonso Rueda (PP), Ana Pontón (BNG), Luís Álvarez (PSdeG) e Borja San Ramón (Podemos). [Fotos: Europa Press | Nós Diario]

Democracia foi a palabra máis repetida na xornada de onte polos dirixentes políticos galegos para valorar a decisión do Tribunal Constitucional (TC) que impediu someter a votación no Senado diversas iniciativas lexislativas, previamente aprobadas polo Congreso dos Deputados. Mentres o presidente do PP e mandatario galego, Alfonso Rueda, sinalaba que o acontecido "non é ningún feito antidemocrático nin excepcional".

A xefa da oposición e voceira do BNG, Ana Pontón, cualificaba a decisión de "ataque á liña de flotación da democracia" e de "pucheirazo democrático". Nunha dirección semellante, o portavoz do grupo parlamentario socialista, Luís Álvarez, definía a resolución do TC de "ataque á democracia" que "se debe acatar", denunciando o secretario xeral de Podemos Galicia, Borja San Ramón, que "é un golpe sen precedentes á nosa democracia".

Rueda (PPdeG): "Non é antidemocrático"

"Non é ningún feito antidemocrático nin excepcional que as institucións funcionen", sinalou o presidente da Xunta da Galiza e máximo responsábel dos populares galegos, Alfonso Rueda, que indicou que a decisión do TC "non pode danar a democracia" senón que "o que fai é forzar o funcionamento normal das institucións". "É chocante que outro poder do Estado pretenda dicir que é algo excepcional", continuou Alfonso Rueda, que indicou que lle gustaría que "non fose necesario interpor ese recurso".

"O Goberno tería que facer as cousas doutra maneira", rematou o presidente da Xunta, quen reclamou un adianto electoral a Pedro Sánchez, que "dará esta oportunidade cando lle conveña desde o punto de vista electoral", dixo.

Pontón (BNG): "É un día negro para a democracia"

"Este é un día negro para todos e para todas as demócratas", sinalou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que criticou que  "o Tribunal Constitucional decidira impedir un debate no Senado". "Non é primeira vez que pasa pero debe ser a última, porque esta decisión é un ataque á liña de flotación da democracia, un pucheirazo democrático, cuestionando a independencia do poder lexislativo que é onde reside a vontade popular".

Pontón advertiu que "agudiza a deriva reaccionaria" do Tribunal Constitucional, "que o bipartidismo se reparte de maneira obscena e que está nun nivel de degradación democrática que non é admisíbel" e "cruza todas as liñas vermellas dun funcionamento democrático".

Álvarez (PSdeG): "É un ataque á democracia que se debe acatar"

"Estamos fronte a un conflito entre quen incumpre a Constitución desde hai catro anos e quen quere cumprila", sinalou o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, que considera que "a lei non confire ao Tribunal Constitucional a posibilidade de paralizar a actuación das cortes constitucionais".

Álvarez cualificou a decisión do TC de "ataque á democracia" que "se debe acatar", malia que "leva o sistema á exploración dun territorio inédito e perigosísimo", "a primeira vez na historia da democracia que se impide a votación nunha Cámara representativa da vontade popular". "Unha vitoria pírrica" do PP "a custa de destapar a caixa dos tronos", concluiu o voceiro do grupo parlamentario dos socialistas galegos.

San Ramón (Podemos Galicia): "É un golpe sen precedentes"

"A decisión do Tribunal Constitucional é un golpe sen precedentes á nosa democracia", sinalou o secretario xeral de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, que asegurou que "desde Unidas Podemos non nos imos deter ante as argucias de Feixoo e da dereita xudicial para furtar o mandato da soberanía popular".

"Imos exercer a soberanía popular por vía lexislativa e renovar o Tribunal Constitucional (TC) e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) para pór fin a esta anomalía imposta polo PP", adiantou San Ramón, quen asegurou que "a dereita española quere manter o control do Tribunal Constitucional para tentar tirar abaixo todos os avances en dereitos e liberdades conseguidos polo Goberno de coalición".

Comentarios