O Tribunal Constitucional volve dar a razón a Vox e anula o decreto do segundo estado de alarma

É o terceiro revés xudicial do TC contra a estratexia xurídica do Goberno español para loitar contra a pandemia.

O Tribunal Constitucional nunha imaxe de arquivo (Foto: Zarateman / Creative Commons).
photo_camera O Tribunal Constitucional nunha imaxe de arquivo. (Foto: Zarateman / Creative Commons)

O Tribunal Constitucional español declarou inconstitucional o segundo estado de alarma decretado polo Goberno de Pedro Sánchez. A decisión non foi unánime, catro dos dez maxistrados opuxéronse. Deste modo, o TC estimou o recurso presentado polo partido de extrema dereita Vox.

Esta decisión do TC é o terceiro revés contra a estratexia xurídica do Goberno español para loitar contra a pandemia. Hai unhas semanas, tamén a instancias de Vox, o tribunal anulou o primeiro estado de alarma e a suspensión da actividade parlamentaria no Congreso español.

Cómpre lembrar que a decisión do TC contra o primeiro estado de alarma obrigou o Executivo de Pedro Sánchez a devolver todas as multas impostas ao amparo deste paraugas legal.

O Executivo do Estado anunciaba a pasada sexta geria que vai crear un equipo de traballo para devolver todas as multas relacionadas co primeiro estado de alarma.

Así mesmo, van ser anulados aqueles expedientes que aínda hoxe seguían en tramitación.

Na Galiza esa etapa deixou até 36.644 multas cuxo importe será agora devolto ás e aos afectados. A maioría das que por aquel entón foron consideradas infractoras foron detectadas en controis da mobilidade sen xustificación algunha en concellos costeiros do país.

Comentarios