Manos Limpias admite que a súa denuncia contra Begoña Gómez podería ter base en noticias falsas

"Será agora o xuíz quen deberá comprobar se estas informacións xornalísticas son certas ou non", afirma o líder de Manos Limpias, Miguel Bernad.
Miguel Bernad (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera Miguel Bernad (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

A organización de extrema dereita Manos Limpias admite a posibilidade de que a súa denuncia contra Begoña Gómez se basee en noticias falsas. "Será agora o xuíz quen deberá comprobar se estas informacións xornalísticas son certas ou non", afirma o seu líder, Miguel Bernad, a través dun comunicado.

O comunicado explica que a organización tivo consciencia dos supostos feitos que motivaron a denuncia "a través de varios diarios dixitais, dunha serie de informacións que afirmaban presuntas irregularidades, que poderían ser presuntamente delituosas, no comportamento da esposa do Sr. Presidente de Goberno [en referencia a Pedro Sánchez]".

"Tras observar que a Fiscalía non actuaba de oficio, a pesar de que as referidas noticias levaban semanas publicándose, procedín a pór en coñecemento do Xulgado competente estas informacións, ao amparo do art. 259 da Lei de Axuizamento Criminal, mediante a oportuna denuncia, ao obxecto de que abrise dilixencias e comprobase a veracidade das mesmas", sinala Bernad.

O líder do colectivo de extrema dereita asevera que exerceu "un dereito e un deber cidadán" e que "non houbo no actuar de Manos Limpias o máis mínimo acto falsario, pois como ben dixeron quen nos criticase, baseei a denuncia que se presentou nas devanditas informacións xornalísticas, e só nas mesmas".

"Se as mesmas non son certas, serán quen as publicou, quen deberá asumir a falsidade, mais se non son incertas, entendemos que a causa xudicial deberá proseguir", sostén o líder da organización sobre as informacións e sobre a denuncia.

"Inaceptábel reacción"

Ademais, desde Manos Limpias consideran "de todo punto inaceptábel a reacción do Sr. Presidente do Goberno, que no canto de dar as pertinentes explicacións acerca de se as informacións sobre a súa muller son certas ou non, procedeu como resposta a insultar a este sindicato por exercer un dereito constitucional, dicindo que somos unha organización ultradereitista ou dando a entender que formamos parte dunha campaña dereitista contra el, o cal é falso". A pesar da indignación de Bernad por ser cualificado como ultradereitista, o certo é que foi secretario xeral do partido Frente Nacional, desta ideoloxía.

Comentarios