A violencia medra tamén, con 31 palestinos mortos, en Cisxordania, onde a ONU recomenda non saír da casa

Residentes en Cisxordania trasladan a 'Nós Diario' o clima de crecente violencia que se respira nas rúas ante a ofensiva militar sen precedentes de Israel. Os cisxordanos temen o peor en Gaza e envían mensaxes de despedida aos seus familiares gazatíes: "Nunca me sentira tan impotente vendo chorar a miña nai e velando pola protección da súa familia, que ninguén de nós pode darlles".
Enfrontamentos entre o Exército de Israel e manifestantes palestinos en Nablus, Cisxordania. (Foto: Nasser Ishtayeh / Europa Press / Contacto)
photo_camera Enfrontamentos entre o Exército de Israel e manifestantes palestinos en Nablus, Cisxordania. (Foto: Nasser Ishtayeh / Europa Press / Contacto)

O Exército de Israel vén de dar un prazo de 24 horas á poboación do norte de Gaza, máis dun millón de persoas, para abandonar o territorio ante o que se presenta como unha inminente invasión terrestre após unha semana de intensos bombardeos. Todos os focos están postos na Faixa, onde a ONU advirte das "consecuencias humanas devastadoras" que terá o ataque e chama o Goberno de Benjamin Netanyahu a recuar. Mais tamén en Cisxordania, a rexión de Palestina onde residen perto de 3,2 millóns de persoas, a situación é crítica.

No ambiente respírase "moito alarmismo e confusión", advirte unha residente dunha concorrida cidade cisxordana a Nós Diario, pois desde o pasado sábado xa foron asasinados 31 cidadáns palestinos a mans do Exército ou colonos israelitas. Non se notificaron baixas, polo de agora, nin militares nin civís de Israel nesta rexión. "A violencia militar e colona esténdese a todo Cisxordania, de norte a sur", precisa esta mesma persoa.

Desde os territorios palestinos aseguran que se a operación a grande escala de Israel en Gaza triunfa, en Tel Aviv "non quedarán de brazos cruzados" e o seguinte obxectivo será Cisxordania, onde nos últimos tempos o Goberno autorizou numerosos asentamentos ilegais de colonos e acrecentou a presenza das Forzas Armadas. "Israel segue cos seus plans de colonizar todo o territorio palestino para borralo por completo do mapa", denunciaba recentemente nas páxinas deste xornal Carme Al-Rafiq, traballadora galega en Cisxordania.

A fonte consultada hoxe por Nós Diario informa de que os efectivos de Nacións Unidas e oenegués humanitarias despregados sobre o terreo están a recomendar á poboación non saír das súas casas porque "aparentemente vai pasar algo". A tensión medra e os enfrontamentos entre militares e colonos israelitas e cidadáns palestinos sucédense. Nunha vila próxima á cidade de Ramallah, conta, "os israelitas mataron dun tiro un rapaz".

E en Huwara, ao sur de Nablus, onde en marzo pasado xa se produciran graves incidentes derivados da queima de vehículos por parte de colonos israelitas, un bulldozer derrubou por completo unha panadaría rexentada por cidadáns palestinos, "porque promocionaran en redes sociais unha pizza cunha fotografía dunha muller supostamente secuestrada en Gaza". Tamén perto de Nablus, en Qusra, lamentan o "asasinato de catro rapaces" por parte de colonos. E, durante o funeral, "atacaron un pai e un fillo".

"Unha nova Naqba"

Só nas últimas horas as autoridades israelitas detiveron un mínimo de 43 cidadáns palestinos en diferentes municipios de Cisxordania, onde a deriva dos acontecementos, sumada á grave crise humanitaria que padece Gaza, leva a cidadanía de Palestina a presaxiar o peor. "Xa se fala dunha nova Naqba", alerta esta mesma fonte, en alusión ao termo árabe que se traduce como "catástrofe" ou "desastre" e que fai alusión ao grande éxodo forzado de 1948.

"A xente está mandando mensaxes de despedida aos seus familiares en Gaza", apunta a este xornal, que accede a unha desas mensaxes: "A familia da miña nai chamou desde Gaza para dicir adeus. Están fuxindo cara ao sur mentres as forzas da ocupación tratan de destruír a rexión norte. Dixeron adeus por se os bombardean na súa fuxida cara ao sur. Nunca me sentira tan impotente vendo chorar a miña nai e velando pola protección da súa familia, que ninguén de nós pode darlles".

Comentarios