Voces de Palestina

Fayed Badawi, representante da Fronte Popular de Liberación de Palestina: "A única solución é construír un único Estado para Palestina"

Fayed Badawi é portavoz da Fronte Popular de Liberación de Palestina.
Fayed Badawi, da Fronte Popular de Liberación de Palestina (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fayed Badawi, da Fronte Popular de Liberación de Palestina (Foto: Nós Diario).

—O presidente da Autoridade Palestina, Mahmud Abbas, vén de reunirse co secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, que espera desta reunión?
Da Administración estadounidense non esperamos nada porque está apoiando o terrorismo israelita. Aínda que Abbas sexa o presidente, o pobo palestino escolle o seu propio camiño e quere vivir libre, prefire loitar porque o que está padecendo é unha situación terríbel no campo de concentración de Gaza, 2,2 millóns de persoas malvivindo nunha faixa de terra de 360 quilómetros cadrados. Neste contexto, non podemos esperar nada dos EUA, sempre premen as vítimas e queren telas axeonlladas.

—Abbas di que o obxectivo da reunión era parar o conflito.
Non temos confianza nisto porque os EUA son o inimigo dos pobos, non levaron a paz a ningunha parte, nada máis comezar o bombardeo de Gaza xa apoiaron o terrorismo de Estado de Israel. Se fose verdade que queren a paz, terían parado os masacres en dous minutos. Gaza está sen electricidade, sen auga e sen comida, alí estanse arrasando hospitais e escolas, e non sabemos onde está a comunidade internacional. Non vai haber paz a través dos EUA, o hai que facer é obrigar Israel.

—Como están as relacións entre as forzas palestinas?
Hai unha unidade nacional total, entre Hamás, a Yihad Islámica, Al Fatah, a Fronte Democrática e a Fronte Popular, todo un pobo está unido, porque quen sofre o ataque é a sociedade palestina, que tamén ten o apoio dos pobos árabes mentres Francia e Reino Unido prohiben as manifestacións en apoio a Palestina e mesmo sacar a súa bandeira. Grazas á unidade, o pobo palestino vencerá. 

—Hai unidade estratéxica?
Si, porque temos un obxectivo común. O sionismo é o mesmo que o fascismo e o nazismo, e a única solución é construír un único Estado democrático en todo o territorio nacional desde o río Xordán até o Mediterráneo coa capital en Xerusalén, iso é o que quere o pobo palestino e vaino conseguir.

—Rusia e a China falaron da solución dos dous Estados.
Un galego non regalaría Ourense, Lugo ou A Coruña, entón os palestinos non teñen que regalar a terra dos seus pais nin convivir co fascismo. A ONU tan só saca resolucións cando lle interesa, e non se pode aceptar a solución de dous Estados, pois os palestinos non van vivir toda a vida no exilio, teñen dereito a volver á súa terra ante un Estado [Israel] fabricado coa violencia.

Comentarios