Voces de Palestina

Ghaleb Jaber, palestino asentado na Galiza: "Existía información de que Israel ía bombardear Gaza antes do ataque do sábado"

'Nós Diario' conversa con Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente da Fundación Araguaney e residente no país desde hai anos, sobre o crecente conflito bélico entre Israel e Palestina após a sucesión de acontecementos dos últimos días.
O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim (Foto: Nós Diario).
photo_camera O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim. (Foto: Nós Diario).

—Cal é o seu punto de vista sobre o conflito que estalou o sábado entre Israel e Hamás?
Sempre xulgamos o que pasa nun momento dado, mais o asedio sobre Gaza e o roubo da súa auga leva décadas. Cada vez que Israel actúa, tan só deixa escombros, dáse por feito que ten o dereito de encarcerar unha poboación de 6 millóns de habitantes e violar os seus dereitos humanos. Vemos como hai chamamentos para deixar os palestinos sen alimentos nin auga, xa non é só que ataquen por terra, mar e aire, é que tamén queren matar o pobo palestino de fame.

Hai que ter en conta que os Estados accidentais forneceron Israel do quinto arsenal nuclear máis grande do mundo, a 70 quilómetros de Gaza. É incríbel que por unha vez que alguén lles planta cara e realiza un ataque sorpresa, se trate ás vítimas como verdugos. 

Existía información de que Gaza ía ser bombardeada por motivos electorais, coa confirmación do Ministerio de Defensa exipcio, e neste contexto, a mellor defensa que se pode ter é realizar un bo ataque.

—Como é o día a día que soporta a poboación palestina?
Xa van moitos anos nos que os colonos israelitas entran nos municipios palestinos, tanto en Gaza como en Cisxordania, e queiman as casas da xente, matan persoas e arrancan as oliveiras, sen que a isto se lle dea importancia. Cando oprimes unha cousa, remata explotando, e isto tamén se aplica ás persoas. Israel é unha sociedade militar, toda a poboación está na reserva ou en activo, é unha base militar que serve aos intereses dos Estados Unidos, que agora gobernan tamén sobre a metade do mundo árabe.

Gustaríame que isto non tivese pasado, mais a un pobo non o podes oprimir toda a súa vida, e o palestino leva desde o ano 1948 vivindo en campos de refuxiados. Uns mozos lograron algo inimaxinábel vencendo unha potencia nuclear. Non se pode aceptar unha Autoridade Palestina que só estea para recibir ordes de Israel.

—A UE anunciou que retira o apoio humanitario a Palestina, e posteriormente, rectificou.
A UE non ten política exterior propia, ten medo de Israel e dos Estados Unidos. Arrastrárona a apoiar nunha guerra a Ucraína, cando está dirixida por un sionista que chora as mortes de Israel, mais non lle importa o seu pobo que está sacrificando.

—Que lle parece a proposta da China e de Rusia para que haxa dous Estados soberanos?
É o que está escrito nos acordos de Oslo, recoñecidos por toda a comunidade internacional e polos que deron o Nobel da Paz ao líder palestino Yasser Arafat en 1994. Mais non poder haber paz cando Israel incumpriu os seis puntos que constituían estes acordos. O pobo palestino quere ter o seu propio Estado, tan só pide ter liberdade.

Comentarios