Os montes comunitarios na outra Galicia: similitudes que van máis alá dun topónimo

"Para o campesiñado galego (de Galicia, actualmente dividida entre Polonia e Ucraína e no século XIX parte do Imperio Austrohúngaro) o forestal simbolizaba unha fonte de recursos naturais para cumprir as necesidades existenciais das súas vidas diarias", segundo salienta Joachim Popek.
Monte na zona de Zakopane, no territorio chamado Galicia, en Polonia (Foto: Krzysztof Dudzik).
photo_camera Monte na zona de Zakopane, no territorio chamado Galicia, en Polonia (Foto: Krzysztof Dudzik).

"Para o campesiñado galego (de Galicia, actualmente dividida entre Polonia e Ucraína e no século XIX parte do Imperio Austrohúngaro) o forestal simbolizaba unha fonte de recursos naturais para cumprir as necesidades existenciais das súas vidas diarias", así o sinala Joachim Popek, da Universidade de Varsovia, no seu artigo Leña e madeira. O significado dos dereitos comunitarios sobre o monte na vida cotiá do campesiñado na Galicia austríaca.

"Como parte dos seus dereitos comúns, o campesiñado recadaba leña e madeira de construción de bosques, e tamén extraía minerais. Alí, pastaba o seu gando e vivían os seus porcos", salienta o autor sobre uns usos e unha propiedade do monte moi semellante á que historicamente tivo na Galiza.

"Ademais, as áreas forestais servían de refuxio para a comunidade e os animais ante as altas temperaturas quentes ou as fortes chuvias. Aliás, eran unha fonte de froita, cogomelos, millos, abelás, herbas, musgo, así como follas e árbores coníferas", engade. O monte era pois unha fonte de recursos para o conxunto da comunidade, nun réxime de propiedade xermánica semellante ao que rexe sobre o montes veciñais en man común na Galiza.

"Nesta consideración, a dependencia feudal dos servos nos seus señores era fortemente pronunciada, e os minerais tomados dos bosques señoriais eran de importancia existencial para o funcionamento de granxas do campesiñado e o modo de vida destas familias", destaca Popek.

"Non tendo os seus bosques propios, eles frecuentemente contaban con dereitos comunitarios. Onde estes eran restrinxidos ou usurpados, o modo único para saír adiante era adquirir os recursos, o cal exixía diñeiro, do cal o campesiñado raramente tiña moito", acrecenta o autor. Vemos como, polo tanto, o sistema agrario dependía da obtención de recursos do monte comunitario, tal e como acontecía na Galiza.

Termos de uso

"Os termos en que os dereitos comunitarios podían ser exercidos normalmente mudaba cando as propiedades eran divididas ou a propiedade enteira mudaba de mans, ou cando as autoridade realizaban unha emenda legal", conclúe Popek. Desta maneira, os dereitos comunitarios exercíanse sobre terras señoriais, mais era uso e costume que o campesiñado tiña dereito a empregar e xestionar estes recursos.

Nalgúns casos o recurso estaba aberto a quen quixese tomalo, mais na meirande parte dos casos había normas sociais sobre as limitacións de aproveitamento dun sistema de recursos que non era de ninguén, mais era de todos. Neste sentido, vemos como o modelo xermánico que aínda permanece nos montes veciñais da Galiza era algo común noutras partes de Europa, como en Galicia, esa zona actualmente dividida entre Polonia e Ucraína coa que compartimos (e non só) topónimo.

Comentarios