Entrevista

Saffa: "Sabemos que imos pagar un prezo alto, mais estamos como palestinos moi contentos coa resposta do noso pobo"

Mohamed Saffa é un médico palestino residente na Galiza desde hai décadas. Hoxe analiza para Nós Diario os enfrontamentos entre Israel e a resistencia palestina.

Mohamed Safa naceu e viviu en Cisxordania até 1976. (Foto: Galiza por Palestina)
photo_camera Mohamed Safa naceu e viviu en Cisxordania até 1976. (Foto: Galiza por Palestina)

Mohamed Saffa (Cisxordania, 1956) é un veterano militante da causa palestina. Responsábel na Galiza durante moitos anos da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) e da Autoridade Nacional Palestina (ANP), mantén, na actualidade, desde a súa independencia política un compromiso inquebrantábel coa loita do seu pobo. Saffa, en declaracións a Nós Diario, recoñece que “estamos como palestinos moi contentos desta acción e da capacidade para resistir que está amosando nestas xornadas o noso pobo”.

"Unha mensaxe clara ao futuro"

“Sabemos que imos pagar un prezo moi alto”, continúa Saffa, pero “estamos mandando unha mensaxe clara ao futuro de que non hai vitorias nin derrotas eternas e nós seguimos con capacidade para resistir e para vencer”.

O médico palestino cree que “é posíbel gañar para conquistar a liberdade ” e lembra como o Estado de Israel desde 1948 foi ocupando os territorios de Palestina, até o punto de posuír actualmente 70% dos mesmos.

Saffa reivindica o dereito dos palestinos a defenderse. Neste sentido, destaca “como un pobo bloqueado desde hai 15 anos é capaz de crear unha forza de resistencia  como esta”. “Esta operación vai servir para liberar a unha parte importante dos 5.000 presos políticos palestinos encarcerados por Israel”, sinala Saffa, quen agarda que “o operativo contribúa a por freo as provocacións dos colonos”.

Un fracaso do Mossad e da CIA

O cidadán palestino considera esta acción “como un fracaso absoluto dos servizos secretos de Israel e de Estados Unidos” e significa o seu carácter “xoestratéxico” no actual conxuntura do mundo árabe.

“Algúns Estados árabes, como Arabia Saudita ou Marrocos, están buscando normalizar as súas relacións con  Israel porque pensan que lles garante a súa seguridade, porén este operativo demostra que Israel non ten esa capacidade”, conclúe Saffa.

Comentarios