Voces de Palestina

Waleed Saleh, profesor experto en mundo árabe: "Israel quere que haxa refuxiados e así botar os palestinos da súa terra"

Nado en Iraq en 1951, Waleed Saleh é doutor en Estudos Árabes e Islámicos e analista sociopolítico do mundo árabe.
Nado en Iraq en 1951, Waleed Saleh é doutor en Estudos Árabes (Foto: Nós Diario).
photo_camera O profesor Waleed Saleh. (Foto: Nós Diario).

—Cal é o contexto do conflito que comezou o pasado sábado?
Hamás é representante do pobo palestino, cando menos dunha parte, e é un grupo elixido democraticamente, apoiado no seu momento por Israel e os EUA co fin de dividir as forzas palestinas, deixando a Fatah nos territorios ocupados de Cisxordania e a Hamás en Gaza. Hai que ter isto claro, porque parece que Hamás actúa pola súa conta sen ter que ver co pobo palestino, cousa que non é certa.

Boa parte da humanidade, sobre todo os políticos do mundo occidental, bótase a man á cabeza cando hai un acto violento por parte dos palestinos sen ter en conta que ese pobo está masacrado e humillado. O que fixo Hamás por unha soa vez Israel fíxoo centenares de veces. Desde hai 75 anos Israel comete practicamente cada mes, cando menos, un masacre ou un crime contra o pobo palestino e todo o mundo mira cara a outro lado.

Ninguén condena Israel, parece que está por riba do ben e do mal e do dereito internacional. Ninguén lle para os pés cando ten 20 resolucións da ONU na súa contra e non cumpriu ningunha. Usurpa territorio palestino, arranca as súas oliveiras, mata os seus fillos, e converteu Gaza no maior cárcere do mundo, como ben explica o intelectual xudeu Ilan Pappé. Todo isto dá igual, e cando os palestinos se revelan contra as circunstancias dramáticas que viven, parece que todo o mundo se sorprende.

—Cal é o papel neste conflito do resto do mundo árabe?
É necesario separar con claridade os pobos e os Gobernos, que non son elixidos democraticamente e son sistemas á orde dos EUA. Mais todos os pobos árabes sen excepción están a favor da causa palestina e non queren saber nada de Israel.

—É posíbel que algún Estado árabe defenda Palestina de aumentar a agresión israelita? 
É moi difícil, a non ser que interveña Hezbolá e a continuación entren Estados como Siria ou Libia co apoio indirecto de Irán. Estas son as únicas posibilidades, mais Exipto, Xordania ou os países do Golfo é moi descartábel que interveñan.

—Fálase da posibilidade de que Exipto acolla refuxiados.
O principal é preguntarse se é unha solución que Exipto acolla novos refuxiados palestinos ou se é suficiente que xa haxa 14 millóns en todo o mundo. Tal vez o que pasa é que a solución real non quere ser posta en marcha, mais refuxiados é o interese de Israel, que quere botar os palestinos da súa terra.

—A solución de dous Estados é a mellor das opcións?
Non é a mellor solución, mais talvez é a viábel neste momento. Os palestinos perderían moito, porque non lles concederían a partición histórica de 1948 e hai moitos condicionamentos que poría Israel, cuestións como que Palestina teña dereito a un Exército ou a aeroportos propios.

Comentarios