Voces de Palestina

Testemuños desde Palestina: "O tempo está parado desde o sábado; queren reducir Gaza a cascallos e, se o logran, irán por Cisxordania"

Carme Al-Rafiq é o pseudónimo tras o que protexe a súa identidade unha galega que reside nunha cidade da rexión palestina de Cisxordania e que desde o pasado marzo colabora con 'Nós Diario' como analista internacional. Aténdenos desde a súa casa para ofrecernos un testemuño de primeira man do que se está a vivir nun dos 'puntos quentes' do conflito.
Dúas mulleres paseando o pasado domingo polas rúas de Nablus, na rexión palestina de Cisxordania. (Foto: Ayman Nobani / DPA)
photo_camera Dúas mulleres paseando o pasado domingo polas rúas de Nablus, na rexión palestina de Cisxordania. (Foto: Ayman Nobani / DPA)

Palestinos e israelíes levaban varios meses inmersos nunha situación de relativa 'calma tensa' que levaba analistas de todo o mundo a presaxiar o estoupido dunha terceira intifada, e os acontecementos dos últimos días convidan a pensar que xa comezou. O Goberno israelí acordou someter Gaza a un asedio total impedindo a chegada de alimentos, auga, electricidade, combustíbel e outros subministros e amontoa milleiros de soldados nas proximidades da Faixa de cara a unha posíbel invasión militar por terra.

A tensión xa escalara considerabelmente en moitas outras ocasións ao longo dos últimos anos, mais desta volta semella diferente. Nos territorios palestinos temen un ataque sen precedentes por parte de Israel tras o perpetrado esta pasada fin de semana por Hamás e as súas posteriores consecuencias. Desde a súa vivenda nunha cidade da rexión de Cisxordania aténdenos por videochamada Carme Al-Rafiq, o pseudónimo que protexe a identidade dunha galega que traballa e reside en Palestina e que desde o pasado marzo colabora con Nós Diario como analista internacional.

"O tempo está parado desde o sábado. As escolas están fechadas, a tensión medra, a xente está sobrepasada...", relata, sobre o agravamento dunha situación que ben podería "quedar en cousa dun par de días" ou ben "ser algo moito maior". "O sábado imperaba un espírito de felicidade por ver que, após 16 anos de bloqueo sobre Gaza, aínda hai unha resistencia palestina forte. Pero nunca víramos tal intensidade de violencia, porque por cada israelí asasinado a mans dun palestino o Exército de Israel nos últimos anos castigou cidades enteiras, como Xenín ou Nablus", sinala.

Al-Rafiq lamenta a "propaganda israelí" que, asegura, envolve estes días boa parte dos titulares da prensa de todo o mundo, e cre que "só interesa falar disto cando afecta Israel e o resto do mundo". E contrapón esta situación coa guerra en Ucraína: "Gustaríame ver a mesma condena a Israel que a Rusia cando invadiu Ucraína, cando vimos toda a comunidade internacional illándoa. Pero cada vez que cae unha bomba en Gaza semella que fica no ar e non explota. Hoxe falamos do que sufriron os israelíes, mais non das violacións diarias dos dereitos humanos tanto en Gaza como aquí, en Cisxordania".

Esta traballadora galega teno claro: "Non é unha guerra, nin un conflito. É un proceso de colonización". "Os palestinos son unha poboación colonizada desde 1948 e cun territorio, Gaza, completamente illado e controlado polos israelíes desde 2007; a prisión a ceo aberto máis grande do mundo", engade, e a continuación salienta que, neste contexto, "a resistencia como pobo fronte á opresión é un dereito recoñecido no Dereito Internacional".

En Cisxordania, onde ela reside, son frecuentes —e cada vez máis— os asentamentos ilegais de colonos israelíes. De feito, no que vai de ano o Goberno de Benjamin Netanyahu autorizou xa a construción de máis vivendas para xudeus que nunca en territorios reclamados por Palestina, un movemento que mesmo os seus grandes aliados internacionais, como os Estados Unidos, desaconsellan. "Israel segue cos seus plans de colonizar todo o territorio palestino para borralo por completo do mapa. O número de colonos e de asentamentos ilegais segue a medrar nos últimos anos. Ademais, a poboación ten permitido portar armas, e o medo de moita xente en Cisxordania non son só os militares israelíes, senón tamén os colonos. Poden matar un cidadán palestino e quedar impunes, iso non ten repercusión ningunha", critica.

Segundo os últimos datos achegados pola ONU, no último ano e medio producíronse, de media, 80 ataques diarios de colonos israelíes a cidadáns palestinos. "Asaltan aldeas enteiras, fechan as estradas, atacan a xente... Israel pretende anexionar Cisxordania, a través da violencia e expropiando terreos para crear asentamentos", denuncia Carme Al-Rafiq, que advirte que nos últimos días houbo máis ataques e unha crecente tensión, nomeadamente en cidades fronteirizas como Qalandya ou Nablus, onde tamén realizou senllas incursións e detencións o Exército.

E, se ben a ofensiva militar israelí está centrada na Faixa, nos restantes territorios palestinos temen o que poida suceder: "Deixaron claro que queren reducir Gaza a cascallos e, se o conseguen, non creo que queden de brazos cruzados; irán a por Cisxordania. Aquí a xente maior, que viviu sendo adulta a segunda intifada, ten medo do que poida pasar se comeza unha terceira na que quizais xa estamos. Era un contexto diferente e moitas cousas mudaron, pero as persoas máis novas, por outra parte, tamén o ven como un raio de esperanza".

Unha amiga gazatí de Carme: "As bombas caen sobre Gaza como a choiva"

Desde dentro de Gaza, unha amiga de Carme alerta da dramática situación que se vive nestes momentos, a través dunha mensaxe telefónica que mostra a Nós Diario: "Grazas polas túas cálidas palabras. A situación é cada vez máis grave e estamos en absoluto perigo, as bombas caen como a choiva. Hai escaseza de subministros médicos e unha escaseza absoluta de electricidade. A xente está evacuando as súas casas baixo os mísiles e non teñen outro lugar onde ir. Os equipos médicos dificilmente poden chegar aos lugares obxectivo. Todas as redes de conexión están a perderse en grandes áreas. Poderiamos perder internet en calquera momento". E outro amigo, tamén gazatí, engade: "Estamos agardando pola morte".

O Goberno español xa confirmou esta terza feira que enviará avións á rexión para evacuar as e os cidadáns que o precisen, nomeadamente turistas, ante a falta de voos comerciais. Porén, cando menos polo de agora, Carme Al-Rafiq non será unha delas: "Non sería capaz de voltar á Galiza e seguir con angustia os acontecementos desde alá, sen saber se a miña xente estará ben".

Comentarios