Israel e Gaza pactan os "puntos básicos" para un alto o fogo de 40 días: estas son as condicións

A situación na Faixa é "inaceptábel", di Washington.
Vítimas de Israel en Gaza, a terza feira. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)
photo_camera Vítimas de Israel en Gaza, a terza feira. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)

O Goberno de extrema dereita de Israel e a organización palestina Hamás, que goberna o territorio palestino de Gaza, terían alcanzado un acordo nos “puntos básicos” para un alto o fogo, ratificaron a terza feira á axencia EFE fontes palestinas e exipcias próximas as conversas no Cairo, a capital de Exipto. O cesamento de hostilidades estenderíase por 40 días, nos que serían liberadas 40 persoas israelís detidas na Faixa, entre elas mulleres, crianzas e homes maiores de 60 anos, a cambio da liberación de 404 persoas palestinas detidas en Israel.

O entendemento implicaría a retirada dos soldados israelís dos centros urbanos das cidades gazatís nunha primeira fase, e a fin do bloqueo á volta das persoas palestinas refuxiadas ao norte de Gaza. En paralelo, até 500 camións de axuda humanitaria entrarían cada día no enclave, no que morreron no mínimo 17 crianzas por inanición tras impedir Israel a entrada de axuda.

Porén, a axencia Reuters indicou que as negociacións entre Hamás, Qatar, Exipto e os Estados Unidos remataron onte sen avances relevantes. Con todo, o equipo negociador da organización palestina sostivo que os mediadores pediron que permaneza no Cairo un día máis.

Nesa liña, funcionarios exipcios trasladaron á axencia AP que discutirán con Israel unha proposta de Hamás. O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, “non quere chegar a un acordo e a pelota agora está no tellado dos estadounidenses para premelo”, apuntou Bassem Naim, alto cargo do grupo.

O certo é que, no marco dos reiterados intentos israelís de obstaculizar o avance das negociacións, afectadas polo masacre da semana pasada perpetrado por Israel, que matou máis dun centenar de persoas famentas que agardaban por axuda alimentaria, cando menos a nivel público os Estados Unidos están a endurecer as súas mensaxes. O seu secretario de Estado, Antony Blinken, cualificou a situación en Gaza como “simplemente inaceptábel”, despois de que a vicepresidenta Kamala Harris exixira un “alto o fogo inmediato”.

Na práctica, Washington segue a bloquear no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) calquera chamamento a un alto o fogo e a avalar as accións do seu aliado israelí. Persoas expertas da ONU definiron a agresión militar israelí como unha limpeza étnica e un xenocidio. Máis de 30.600 palestinas e palestinos foron asasinados desde outubro polos bombardeos indiscriminados e o intento de invasión israelí da Faixa de Gaza.

Comentarios