A Faixa de Gaza "converteuse nunha zona de morte", advertiu a OMS

A China critica o veto estadounidense a un cesamento de hostilidades.
Persoas asasinadas por Israel en Gaza, hoxe. (Foto: James Manning / PA Wire / DPA)
photo_camera Persoas asasinadas por Israel en Gaza, hoxe. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhoto)

Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), denunciou hoxe que “a situación sanitaria e humanitaria en Gaza é inhumana e segue a deteriorarse”, recalcando que o territorio palestino “converteuse nunha zona de morte” froito da agresión militar israelí, que causou máis de 29.000 falecementos.

Á vez, Jonathan Whittal, alto funcionario da Oficina da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, sostivo após visitar o hospital Nasser no centro de Gaza, asaltado polas tropas israelís, que transformaron “un lugar de curación” nun “lugar de morte”, describindo unhas “condicións espantosas” con cadáveres nos corredores do centro médico.

Ataque israelí a un convoi de axuda humanitaria

Neste sentido, a relatora da ONU para os territorios palestinos, Francesca Albanese, trasladou que na Faixa se vive un “colapso total da orde civil”.

“Esta é a situación que Israel creou en Gaza”, resolveu, en alusión á suspensión da entrega de axuda no norte do enclave por parte do Programa Mundial de Alimentos polo risco para os seus equipos, poucos días despois de transcender que os militares sionistas atacaron un convoi de alimentos antes de bloquear a entrada de axuda no norte de Gaza.

Washington instiga unha situación "máis perigosa"

No que atinxe ao veto dos Estados Unidos no Consello de Seguridade da ONU a unha proposta que demandaba un cesamento das hostilidades, foi duramente criticado por Estados como a China, que os acusaron de levar a guerra a unha situación “aínda máis perigosa”.

Washington tamén defendeu nas audiencias da Corte Internacional de Xustiza que non se debe ordenar a Israel que saia dos territorios ocupados sen ter en conta as súas “necesidades de seguridade”.

Comentarios