Hamás estuda unha proposta de alto o fogo mentres Biden preme Israel

O mandatario dos EUA confía nun acordo antes da segunda feira.
Ataque israelí ao campo de refuxiados de Nuseirat, en Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)Ataque israelí ao campo de refuxiados de Nuseirat, en Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)
photo_camera Ataque israelí ao campo de refuxiados de Nuseirat, en Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)

A organización palestina Hamás, que goberna na Faixa de Gaza, está a analizar unha proposta marco remitida por Israel, os Estados Unidos, Qatar e Exipto para un cesamento de hostilidades no territorio, que incluiría un intercambio de persoas detidas, revelaron hoxe as axencias Reuters e EFE, que divulgaron os detalles do posíbel entendemento.

O alto o fogo estenderíase 40 días, cun intercambio de 40 persoas israelís detidas por 400 palestinas en cárceres sionistas, en paralelo ao que se permitirá “a volta gradual dos civís desprazados ao norte de Gaza con excepción dos homes en idade de servizo militar”, sinalaron fontes próximas ás negociacións, que subliñaron que as panadarías e hospitais da Faixa serán reparados, garantíndose a entrada de até 500 camións con axuda humanitaria ao día.

Israel, fóra das áreas máis poboadas

Ademais, os militares israelís terán que marchar das áreas máis densamente poboadas do enclave.

Pola súa parte, a canle Al Jazeera indicou que o borrador de acordo recolle o cesamento do recoñecemento aéreo israelí até oito horas cada xornada.

Neste sentido, Joe Biden, presidente dos Estados Unidos, o principal aliado e provedor de armas israelí, afirmou que confía en que “teñamos un alto o fogo para a vindeira segunda feira”, así como que “os israelís acordaron que non participarán en actividades durante o ramadán”, unha das celebracións máis importantes para as persoas musulmás, que inicia o 10 de marzo.

Case 30.000 persoas asasinadas en Gaza

Sexa como for, funcionarios israelís trasladaron á axencia AP que os comentarios non se coordinaron co Goberno sionista de extrema dereita. Case 30.000 palestinas e palestinos foron asasinados pola agresión militar de Israel desde outubro.

Comentarios