Os EUA bloquean unha repulsa do masacre de Israel na Faixa de Gaza

Líderes cualifican a matanza como un "xenocidio"
O estadounidense Robert Wood. (Foto: Lev Radin / Europa Press / Contacto)
photo_camera O estadounidense Robert Wood. (Foto: Lev Radin / Europa Press / Contacto)

Varios líderes mundiais, entre eles os presidentes do Brasil (Luiz Inácio Lula da Silva), de Colombia (Gustavo Petro) e de Turquía (Recep Tayyip Erdogan), cualificaron esta sexta feira de "xenocidio" o asasinato a mans de Israel de cando menos 115 persoas palestinas -segundo os últimos reportes coñecidos- que agardaban por axuda humanitaria no norte da Faixa de Gaza.

Neste sentido, os Estados Unidos bloquearon no Consello de Seguridade das Nacións Unidas (ONU) un comunicado de condena polo masacre presentado por Alxeria. Con todo, o representante permanente palestino ante a ONU, Riad Mansur, destacou que 14 dos 15 Estados que compoñen a institución respaldaron o comunicado.

Pola súa parte, o representante adxunto dos EUA, Robert Wood, argumentou que Washington "non conta con todos os feitos sobre o terreo". Previamente, os Estados Unidos xa bloquearan varios chamamentos a un cesamento do fogo no Consello de Seguridade.
Este masacre levou Alemaña, moi remisa até o momento a criticar as actuacións de Israel, a pedir que este Estado explique "plenamente" o acontecido. "En Gaza as persoas están máis perto de morrer que de vivir. É necesario que chegue máis axuda humanitaria, inmediatamente", dixo a ministra de Asuntos Exteriores, Annalena Baerbock.

Pola súa parte, as autoridades de Exipto aseguraron que están facendo todos os esforzos posíbeis para, xunto aos seus socios, lograr un cesamento do fogo na Faixa de Gaza antes do inicio do mes Ramadan -10 de marzo-, festividade sagrada no mundo musulmán, segundo manifestou o ministro de Asuntos Exteriores, Samé Shukri.

Máis de 30.000 mortes

As autoridades da Faixa de Gaza elevaron a máis de 30.200 as mortes palestinas a causa dos ataques de Israel sobre este territorio desde o comezo da ofensiva militar. Na últimas 24 horas, confirmáronse un mínimo de 193 falecementos e máis de 900 persoas resultaron feridas.

Bombardeo en Siria

As mortes da Faixa de Gaza non foron as únicas que sucederon esta sexta feira a mans de Israel. Cando menos tres persoas, entre estas un asesor da Garda Revolucionaria de Irán, morreron nun bombardeo na cidade siria de Baniyas, situada na provincia de Tartus, no oeste do Estado.

O suceso tivo lugar tan só un día despois da morte dunha persoa noutro bombardeo israelí en terreo sirio, neste caso perto da fronteira con Líbano. As autoridades de Israel recoñeceron estar atacando Siria.

Comentarios