Chega ao norte de Gaza axuda humanitaria por primeira vez en máis dun mes

Os camións transportan alimentos e subministracións médicas de primeira necesidade

Camión de axuda humanitaria en Gaza, nunha foto de arquivo (Foto: Europa Press / Contacto / Mahmoud Ajjour).
photo_camera Camión de axuda humanitaria en Gaza, nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press / Contacto / Mahmoud Ajjour)

A pasada sexta feira, 24 de novembro, un convoi da ONU con axuda humanitaria alcanzou o norte de Gaza. Trátase do primeiro transporte que pode acceder a esta zona desde hai máis dun mes debido ao asedio sionista. Este sábado puideron acceder outros 61 camións a Gaza.

O grupo da sexta feira puido acceder ás instalacións da Axencia de Nacións Unidas para as Refuxiadas Palestinas en Oriente Próximo (Unrwa, polas súas siglas en inglés) na que se refuxian civís desprazados.

“Entregouse fariña e realizouse unha avaliación inicial. É a primeira entrega de axuda a un refuxio do norte en máis dun mes”, resaltou a Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitario (OCHA) nun comunicado.

En concreto, chegaron tres camións cargados con axuda humanitaria, segundo fontes locais citadas pola axencia de noticias turca Anatolia. “Tres camións cargados con axuda humanitaria chegaron á Cidade de Gaza e ao norte de Gaza esta sexta feira ao mediodía”, afirmou a fonte.

Este sábado, a Media Lúa Vermella Palestina informou en redes sociais da chegada de 61 camións con axuda humanitaria á Cidade de Gaza e ás provincias do norte e destacou que se trata do envío máis importante desde que se intensificaron os ataques, o 7 de outubro.

Os camións “transportan alimentos e outros artigos, auga, medicamentos de primeira necesidade e subministracións médicas de emerxencia”, destacou o grupo na rede social X, antes Twitter.

Mentres, este sábado publicáronse en redes sociais imaxes de mercados abarrotados en lugares como Nuseirat, no centro da Faixa de Gaza, aproveitando o segundo día da tregua pactada entre Israel e o Movemento de Resistencia Islámica (Hamás), segundo informou a cadea panárabe Al Yazira.

Comentarios