Gaza encara con incerteza o último día de tregua mentres Israel eleva o ton bélico tras deixar 15.000 mortos

Estes catro días de tregua permitiron intercambiar os primeiros reféns en mans de Hamás —máis de 200— por presos palestinos en cárceres israelíes, entre os que se atopan decenas de crianzas.
Edificios reducidos a cascallos na cidade de Al Zahra, no centro da Faixa de Gaza, este domingo. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Edificios reducidos a cascallos na cidade de Al Zahra, no centro da Faixa de Gaza, este domingo. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

A tregua de catro días pactada polo Goberno israelí e Hamás encara esta segunda feira a última xornada coa esperanza para a poboación palestina residente en Gaza, onde as vítimas mortais achéganse xa ás 15.000, segundo as autoridades sanitarias, de que se prolongue. Máis de un millón e medio de persoas —a práctica totalidade dos habitantes dun enclave con perto de 2,2 millóns de residentes— tiveron que abandonar os seus fogares nas últimas sete semanas, nomeadamente no norte da Faixa, apuntan desde Nacións Unidas.

Moitas delas aproveitaron a tregua para tentar regresar aos seus fogares malia as advertencias do Exército israelí, que lanzou desde o ar milleiros de panfletos instando a poboación a non retornar a unha zona norte ocupada polas súas tropas e que seguirá a ser o principal albo dos ataques, e á que a pasada sexta feira chegaron os primeiros camións de axuda humanitaria en semanas. Porén, para moitas e moitos cidadáns nada queda salvo os recordos: a metade dos edificios residenciais do norte da Faixa foron parcial ou totalmente danados, boa parte reducidos a cascallos. Non teñen onde regresar e, tal e como advirte o propio persoal da ONU, "ningún sitio é seguro" dentro do enclave.

Estes catro días de tregua permitiron intercambiar os primeiros reféns en mans de Hamás —máis de 200— por presos palestinos en cárceres israelíes, entre os que se atopan decenas de crianzas. A ONU e o observatorio B'Tselem estiman en máis de 5.000 os palestinos apresados, dos que un de cada cinco, uns 1.100 (máis de 20%) fican detidos sen cargos ou sen seren sometidos a xuízo. Unhas detencións arbitrarias que se dispararon desde o último estoupido do conflito o pasado 7 de outubro até superar as 10.000 persoas, segundo fontes palestinas.

Na noite deste domingo Israel liberou 39 palestinos encarcerados no centro penitenciario militar de Ofer, perto da capital de facto de Palestina, Ramallah, e mais no Cárcere Ruso de Xerusalén Leste. Todos eles son menores de idade e, entre eles, o primeiro veciño de Gaza liberado neste tempo, Alaa Fathi Abdulhadi Abú Sunima, de 18 anos. Foi detido en xuño de 2022 por entrar "ilegalmente" en Israel e por presuntamente posuír armas e material explosivo.

Recepción dos primeiros presos liberados do cárcere de Ofer. (Foto: Ayman Nobani / DPA)
Recepción dos primeiros presos liberados do cárcere de Ofer. (Foto: Ayman Nobani / DPA)

Israelíes e palestinos reciben estes días con alegría os seus concidadáns após seren retidos, respectivamente, por Hamás e as tropas hebreas. Nalgúns puntos de Cisxordania producíronse protestas nas que o Exército interveu usando munición real e pelotas de goma, deixando varios feridos, alerta o xornal Al-Quds.

Nos arredores da prisión de Ofer houbo fortes altercados co gallo da liberación dos palestinos apresados e as Forzas Armadas israelíes responderon atacando con gases lacrimóxenos e cócteles molotov a un grupo de xornalistas locais e internacionais, entre eles o reporteiro da Cadena SER Nico Castellano, denuncia a oenegué Reporteiros Sen Fronteiras. "Constatei o ataque sistemático a xornalistas palestinos", dixo.

Entre tanto, os principais mediadores internacionais —Estados Unidos, Exipto e Qatar— apreman por aumentar os días de tregua. "Estamos tratando de prolongar a tregua para asegurar a liberación de máis prisioneiros palestinos", asegurou Hamás a través dun comunicado. E, por parte do Goberno israelí, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu asegurou este domingo por teléfono ao seu homólogo estadounidense, Joe Biden, que está disposto a ampliar o alto o fogo —"por cada día máis, outros dez reféns", dixo—. Horas antes, porén, adentrouse por vez primeira na Faixa de Gaza para arengar as súas tropas e prometerlles contundencia nos ataques: "Continuaremos até o final, até a vitoria. Nada nos deterá. Estamos convencidos de que temos o poder, a forza, a vontade e a determinación para lograr todos os obxectivos da guerra".

Comentarios