Os ataques ao Iraq e Siria multiplican o risco de que a guerra na Faixa de Gaza se expanda

A medida que se achega a fin do prazo outorgado polos Estados Unidos a Israel para rebaixar a intensidade da súa agresión militar, os ataques internacionais de ambos os dous incrementan as posibilidades dunha escalada mentres Exipto insiste nun alto o fogo.
Fosa común hoxe en Rafah, no sur de Gaza, cos corpos de 80 persoas palestinas asasinadas por Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Fosa común hoxe en Rafah, no sur de Gaza, cos corpos de 80 persoas palestinas asasinadas por Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O ataque dos Estados Unidos na madrugada contra tres instalacións no Iraq de grupos integrados no Eixo da Resistencia foi cualificado hoxe por Bagdad como un “claro acto hostil” que “complica” as conversas para a saída das 2.500 tropas estadounidenses no país, e “representa unha violación inaceptábel da soberanía iraquí”.

Unha persoa morreu e 24 resultaron feridas, incluídos varios civís, na agresión de Washington, que sinalou que foi ordenada polo presidente Joe Biden após ser informado de que tres soldados estadounidenses foron feridos -un deles de gravidade- en ataques con drones ás súas bases militares no país asiático.

Ducias de soldados dos Estados Unidos ficaron feridos nos máis de 100 ataques contra as súas bases no Iraq e Siria por parte de organizacións do Eixo da Resistencia en contestación ao apoio fechado de Washington a Israel no marco da agresión militar contra Gaza que comezou o 7 de outubro, e que para persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) se trata dunha limpeza étnica e dun xenocidio contra o pobo palestino.

Pola súa parte, o presidente iraniano, Ebrahim Raisi, comunicou que responderán no momento axeitado ao asasinato en Siria do comandante Radhi Mousavi nun ataque aéreo israelí, que definiu como un síntoma de frustración do Goberno de extrema dereita que encabeza Benjamin Netanyahu en Israel.

Os ataques do Exército israelí a Siria, país que sofre a ocupación sionista dos Altos do Golán, foron reiterados desde o comezo da agresión a Gaza, logo de armar   Israel grupos terroristas como o Estado Islámico, que intentaron  acabar co Executivo de Bashar al Assad en Damasco.

Na fronteira entre Israel e o Líbano, os militares sionistas e Hezbolá proseguiron os intercambios de ataques, cunha periodicidade cada vez menor a medida que aumentan os masacres israelís en Gaza.

Non obstante, o maior risco de expansión a grande escala do conflito está no Iemen, cuxas zonas máis poboadas están controladas polo movemento hutí, que causou interrupcións no paso dos navíos polo mar Vermello en dirección ao canal de Suez ao atacar buques vinculados con Israel, levando a unha redución da actividade do porto israelí de Eilat de 85%.

Steven Wright, docente de Relacións Internacionais da Universidade Hamad bin Khalifa, en Qatar, explicou que “ninguén quere atacar” os hutís, apoiados por Irán, por medo a que a guerra escale rapidamente.

Nese sentido, a maior navieira mundial, Maersk, indicou o domingo que estaba a prepararse para que os seus buques volvesen navegar pola zona, despois de que as empresas responsábeis da metade da carga transportada por mar en todo o mundo anunciaran que non usarían esa ruta e rodearían África, incrementando os custos e o tempo de viaxe.

A navieira danesa explicouno pola despregadura na área da Mariña estadounidense, acompañada de barcos militares británicos, franceses ou italianos, tras vetar o Estado español que unha misión da Unión Europea (UE) para protexer as rutas de navegación na contorna de Somalia estendera a súa misión para unirse á operación 
de Washington.

A resposta dos hutís foi lanzar hoxe varios ataques contra dous buques, confirmados polo Reino Unido, que trasladou que constatou tres explosións nas proximidades das embarcacións.

Ademais, a India despregou tres buques militares no mar Arábigo despois do impacto dun drone contra un barco relacionado con Israel cargado de produtos químicos, que xerou un incendio que foi apagado con posterioridade. Ninguén reivindicou a autoría, mais os Estados Unidos acusaron Irán, que negou a súa participación.

Precisamente en Nova Deli, a capital india, rexistrouse unha explosión moi perto da embaixada israelí sen orixinar vítimas. En 2021, unha bomba estoupou á beira da sede diplomática. A India forma parte da minoría de Estados do Sur Global que apoian as accións israelís en Gaza, acabando coa posición histórica do país en defensa de Palestina.

Case 21.000 mortes

Xa en Gaza, a última actualización de palestinas e palestinos asasinados polos bombardeos indiscriminados e por efecto do intento de invasión israelí do territorio elevou a cifra a 20.915 persoas, 40% delas crianzas. O Ministerio de Saúde da Faixa estima que máis de 7.000 persoas fican soterradas baixo os cascallos dos edificios destruídos polos ataques israelís.

Os bombardeos sionistas afectaron hoxe a zonas residenciais e campos de refuxiados ao longo de Gaza, e confirmáronse 106 mortes no campo de refuxiados de Maghazi, no centro do territorio, nos ataques na madrugada do 25 de decembro.

En Rafah, no sur da Faixa, acumúlanse arredor dun millón de persoas dos 2,3 millóns de habitantes de Gaza. Porén, “non teñen onde ir nin nada que comer”, denunciou Samer Abdel Jaber, que dirixe na área o Programa Mundial de Alimentos, a pesar da resolución aprobada no Consello de Seguridade da ONU, diluída ante a ameaza do veto estadounidense, que exixía permitir a entrada da axuda humanitaria.

Palestina condena a inacción fronte ao xenocidio

O Ministerio de Asuntos Exteriores de Palestina condenou que a comunidade internacional non detivera até o de agora o xenocidio en Gaza, e reclamou á ONU que declare de forma oficial a situación de fame masiva en Gaza, incidindo en que esta situación foi provocada pola agresión e o bloqueo israelí. A relatora especial da ONU para Palestina, Francesca Albanese, recalcou que os masacres na Faixa son o resultado de que o organismo internacional non responsabilizara Israel polas súas accións no pasado, incluíndo as dúas limpezas étnicas que perpetrou contra o pobo palestino.

O propio Netanyahu deixou entrever que o réxime do apartheid sionista programa efectuar unha terceira, ao admitir que está disposto a alentar o pobo palestino a marchar de Gaza.

Asemade, no contexto do fracaso israelí á hora de eliminar Hamás e recuperar con vida as e os sionistas capturados na operación palestina do 7 de outubro, o ex xefe do Estado Maior israelí, Dan Halutz, sostivo que xa perderon a guerra contra Hamás, e que unha vitoria só será posíbel cando Netanyahu deixe de ser primeiro ministro.

Arredor dun hipotético alto o fogo, Exipto está a impulsar unha saída negociada que acabe tamén coa división entre as organizacións palestinas e permita crear un Estado palestino sen ocupación sionista.

Comentarios