Os ataques hutís desde o Iemen en defensa de Gaza impactan no comercio mundial

O movemento hutí (Iemen) está a lograr internacionalizar os efectos da agresión israelí mentres reclama a fin do xenocidio en Palestina, e foi quen de frear as operacións no mar Vermello da primeira e da quinta empresa navieira máis grande do mundo.
Manifestación o 1 de decembro en Saná, a capital do Iemen, exixindo a fin da agresión israelí contra o territorio palestino de Gaza. (Foto: Osamah Yahya / ZUMA Press Wire)
photo_camera Manifestación o 1 de decembro en Saná, a capital do Iemen, exixindo a fin da agresión israelí contra o territorio palestino de Gaza. (Foto: Osamah Yahya / ZUMA Press Wire)

Os hutís, un movemento antiimperialista que controla as áreas máis poboadas do Iemen, incluída a capital, Saná, atacaron hoxe dous buques no estreito de Bab el Mandeb, situado entre o territorio iemení e o Corno de África, e polo que se accede desde o océano Índico ao mar Vermello e ao canal de Suez. O primeiro ataque, que segundo a axencia Reuters puido producirse cun drone, provocou un incendio no Al Jasrah e a caída dun contedor, confirmou un funcionario de seguridade estadounidense, e o segundo, ao MSC Palatium III, desenvolveuse con dous mísiles balísticos, un dos que xerou un incendio e obrigou o buque a dar media volta.

A empresa de seguridade Ambrey explicou que o Al Jasrah é propiedade de Hapag-Lloyd, que traballa en varios portos israelís, e arredor do MSC Palatium III detallou que “a empresa matriz cooperou con Israel, e esta é probabelmente a razón pola que foi ameazado”. Ambos os dous navegan baixo bandeira de Liberia. Yahya Saree, voceiro militar hutí, ratificou que impedirán a navegación de “todos os barcos que se dirixen a portos israelís” até que cheguen “os alimentos e medicinas que os nosos firmes irmáns na Faixa de Gaza precisan”, após advertir hai unha semana do comezo destas operacións ante a agresión israelí contra o territorio palestino, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

O movemento iemení xa lanzara sen éxito ataques contra dous buques a cuarta e a quinta feira, e a comezos de semana un mísil impactou nun petroleiro logo de que “rexeitara todas as chamadas de advertencia”, detallara Saree. A comezos de decembro os proxectís alcanzaron tres barcos comerciais na mesma xornada, e un destrutor do Exército estadounidense derrubou un drone que se dirixía cara a el. Ademais, manteñen retido desde novembro un navío vinculado con Israel.

A decisión dos hutís, que lanzaron varios mísiles contra Israel que foron interceptados polos Exércitos estadounidense e sionista, está a internacionalizar rapidamente os efectos da agresión israelí contra Gaza, ao dificultar a navegación na contorna do canal de Suez, polo que pasa 12% do comercio, 10% do petróleo e gas e 22% dos contedores do mundo. A ruta é especialmente importante para a Unión Europea (UE), que depende dela para a subministración dunha parte significativa dos combustíbeis fósiles que consome.

A dinamarquesa Maersk, a compañía navieira máis grande do mundo, anunciou hoxe que remitiu instrucións “ás embarcacións na zona en camiño cara ao estreito de Bab el Mandeb para que suspendan a navegación polo momento e agarden instrucións”, entrementres Hapag-Lloyd freou as súas operacións na zona até a próxima segunda feira, cando a decisión será revisada.

Ademais, múltiples barcos relacionados con Israel xa estaban a evitar esa ruta, optando por rodear África, o que incrementa as viaxes entre 19 e 31 días dependendo do buque, constatou o Instituto de Washington para as Políticas de Oriente Medio.

O servizo de información marítima Lloyd’s List Intelligence admitiu á axencia AP que o prezo dos seguros para os navíos que transitan pola área xa se duplicaron, cunha suba de 250% ás embarcacións de propiedade israelí, ás que algunhas compañías xa se están negando a asegurar a pesar da activa presenza na zona da Mariña dos Estados Unidos ou Francia.

As medidas de represalia hutís enmárcanse nas distintas accións dos grupos concentrados no Eixo da Resistencia contra o réxime de apartheid israelí e os Estados Unidos polo apoio aos masacres que os sionistas están a perpetrar en Gaza. Desde o seu comezo, bases militares estadounidenses no Iraq e Siria sufriron arredor de 80 ataques, incluída a embaixada de Washington en Bagdad. Asemade, a libanesa Hezbolá trasladou que desde o comezo da agresión israelí o 7 de outubro lanzou 509 ataques contra o territorio sionista, mentres que Israel bombardeou localidades libanesas e supostas posicións da organización.

Xenocidio contra Palestina

Xa en Gaza, os bombardeos indiscriminados de Israel arrasaron hoxe áreas residenciais nos campos de refuxiados de Nuseirat e Jabalia e nas localidades de Deir el Balah, Khan Younis e Rafah, no centro e sur da Faixa. En Khan Younis, un ataque na contorna dunha escola da ONU asasinou 33 persoas. 1,3 millóns das case dous millóns de desprazadas á forza en Gaza, 85% da poboación, están refuxiadas en instalacións da ONU. Arredor de 19.000 palestinas e palestinos de Gaza, 40% crianzas, foron asasinados por Israel desde o inicio desta agresión militar.

Os bombardeos indiscriminados contrastan cos ataques selectivos israelís contra xornalistas. O cámara da canle Al Jazeera Samer Abudaqa morreu hoxe despois de ficar ferido nun ataque israelí e de que os soldados sionistas impediran que fora auxiliado polos equipos médicos.

Tamén resultou ferido o responsábel da canle en Gaza, Wael Dahdouh. Máis de medio centenar de profesionais foron asasinados nos últimos dous meses. Israel “mata sistematicamente os xornalistas palestinos”, denunciou Jeremy Scahill, un dos fundadores do portal The Intercept, detallando que busca silenciar os profesionais sobre os que non pode exercer a censura, como acontece con xornalistas de medios occidentais aos que permite acompañar os seus soldados coa condición de revisar con anterioridade calquera publicación.

O líder da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, Philippe Lazzarini, relatou que Gaza é “inhabitábel”, narrando como a fame está levando a poboación a asaltar os camións de axuda para comer os alimentos rapidamente. Neste sentido, traballadoras e traballadores da ONU reclamaron que a relatora para a prevención do xenocidio, Alice Wairimu, oficialice que a agresión israelí é un xenocidio, criticando a súa inacción.

Tamén está sendo moi cuestionado o traballo da Corte Penal Internacional, que non actuou malia as numerosas probas de crimes de guerra e de lesa humanidade cometidos por Israel. O seu fiscal, o británico Karim Khan, visitou Israel e Cisxordania mais non Gaza, e equiparou os crimes israelís coa operación da resistencia palestina do 7 de outubro. Hoxe mesmo, B’Tselem verificou un vídeo que amosa a execución de dous palestinos feridos e desarmados polas tropas sionistas no campo de refuxiados de Al Farah, en Cisxordania.

Manifestación en Compostela

Após máis de 160 concentracións en 30 localidades galegas desde o comezo da agresión israelí o 7 de outubro, a Asociación galaico-árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina fixeron un chamamento ao pobo galego a participar nunha manifestación unitaria este domingo en Compostela, que partirá ás 12 horas da Alameda para “frear o exterminio do pobo palestino” que está a perpetrar o réxime do apartheid sionista.

Comentarios