Xosé Ricardo Losada recibe o premio Antón Avilés de Taramancos de relato de aventuras

A Editorial Toxosoutos vén de publicar a cuarta novela de Xosé Ricardo Losada, 'Un inferno frío', coa que conseguiu o galardón dedicado ao poeta noiés Antón Avilés de Taramancos.
O escritor Xosé Ricardo Losada (Foto: R. S.).
photo_camera O escritor Xosé Ricardo Losada (Foto: R. S.).

Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor do municipio de Rianxo (O Barbanza), recibiu este sábado en Noia (comarca homónima), o premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío.

No concorrido acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, foi presentado o libro co mesmo título, editado por Toxosoutos e coas ilustracións a cargo do artista noiés Xosé Luís Veiras Manteiga.

Alén da publicación do libro, que foi entregado a Losada por Veiras Manteiga e que forma parte do premio, o gañador recibiu os 3.000 euros nos que está valorado o certame por parte do concelleiro de Cultura da localidade, José Pérez. Ademais, recibiu unha escultura realizada polo coñecido artista local Alfonso Costa da man do escritor ribeirense Antonio Piñeiro.

Faustino, Castelao e Virxinia

Segundo sinalou Xosé Ricardo Losada, o libro trátase dunha homenaxe a Faustino Rey Romero, crego de Rianxo que emigrou a Bos Aires (Arxentina) e do que el mesmo fixo unha biografía. Así mesmo, o libro tamén trata de facer tributo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira.

Nesta ficción con personaxes que foron reais, Castelao e Virxinia tratan de desentrañar a verdade sobre o asasinato en Bos Aires de Don Faustino, segundo relatou o autor durante a súa intervención, na que non faltou a lembranza e a poesía de Avilés de Taramancos. Neste sentido, o acto tamén estivo acompañado pola actuación de Serafín Marcos, tamén ao redor da obra de Antón Avilés.

A cuarta novela

Losada é catedrático de Filosofía no IES félix Muriel da súa vila natal. Socio fundador, secretario e agora vogal da Asociación Cultural Barbantia, coordina e colabora regularmente no suplemento cultural mensual A voz de Barbantia. O rianxeiro publicou o libro de relatos filosóficos O xene da chuvia (Edicións do Castro, 2005) e as biografías Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Xerais, 2015) e Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia, 2018).

A súa primeira novela foi Bótame deste mar fóra (Toxosoutos, 2017). Coa segunda, A casa xunto ao volcán (Galaxia), gañou o premio Viadutos 2018, mentres que coa terceira, O rosario e a buguina (Galaxia), o premio Torrente Ballester 2020. Agora, xa coa cuarta, Un inferno frío, vén de facerse coa Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos 2023.

Comentarios