Netanyahu aumenta a ameaza contra Cisxordania e Hamás insta a Autoridade Palestina a "pasar á resistencia armada"

"A única diferenza é que Hamás quere destruírnos aquí e agora e a ANP quere facelo por etapas", asegura o primeiro ministro israelí, que se prepara para unha posíbel ofensiva a grande escala tamén sobre Cisxordania unha vez concluída a guerra en Gaza.
Un novo ataque israelí na cidade cisxordana de Xenín deixou hoxe catro novas mortes. (Foto: Ayman Nobani / DPA)
photo_camera Un novo ataque israelí na cidade cisxordana de Xenín deixou hoxe catro novas mortes. (Foto: Ayman Nobani / DPA)

Benjamin Netanyahu volve deixar claro que, para el, Hamás e a Autoridade Nacional Palestina son "o mesmo". "A única diferenza é que Hamás quere destruírnos aquí e agora e a ANP quere facelo por etapas", dixo esta segunda feira na Knesset, o Parlamento israelí. O primeiro ministro insistiu en que o Goberno de Mahmoud Abbas non poderá tomar o control da Faixa de Gaza após a guerra que están a librar e cuxo 'día despois' xa comezan a idear, o que supón un incumprimento fragrante dos Acordos de Oslo de 1993.

Mais a ameaza non se reduce a Gaza. Os principais medios de Israel apuntan que Netanyahu xa se prepara tamén para unha posíbel operación a grande escala en Cisxordania unha vez concluída a maior ofensiva do seu Exército sobre a Faixa en décadas e que até o momento eleva xa a 18.400 as vítimas mortais e a 50.000 as persoas feridas, unhas cifras sen precedentes.

Diante deste escenario, desde Hamás instaron esta terza feira a Autoridade Palestina de Abbas a abandonar os Acordos de Oslo, asinados naquela altura polo Goberno israelí de Isaac Rabin e representantes da OLP, e pasar así á "resistencia armada" fronte ás Forzas Armadas hebreas. As declaracións de Netanyahu evidencian, a ollos de Hamás, que "non está interesado nun acordo político" e que pretende "consolidar a ocupación, especialmente sobre Xerusalén e a mesquita de Al Aqsa".

Tamén responden á escalada do ton bélico de Tel Aviv desde a propia ANP, cuxo portavoz de Presidencia, Nabil Abu Rudeina, ve unha clara mostra das "premeditadas" intencións de Israel de trasladar o conflito a Cisxordania. "É un desafío á comunidade internacional", dixo, en declaracións recollidas pola axencia de noticias palestina WAFA.

Os ataques sobre esta rexión —a mans de militares e colonos—, porén, non cesaron desde o pasado 7 de outubro e as vítimas mortais superan xa as 260. Esta mesma terza feira catro persoas morreron na cidade de Xenín a conta dun bombardeo con dron que o Exército israelí xustificou alegando que se trataba dun "escuadrón terrorista que lanzou explosivos e abriu fogo" contra os seus efectivos. Os falecidos son Mahmud abú Surur, Bakr Zakarné, Zaer Abú al Tin e Rafiq Dabús, todos eles membros das Brigadas dos Mártires de Al Aqsa, brazo armado de Fatah, precisa a axencia Maan.

Aliás, o director do Hospital de Xenín, Uisam Bakr, denunciou o lanzamento de bombas de fume por parte das tropas hebreas no patio deste recinto, e alertou tamén de que os militares arrodearon os hospitais de Ibn Sina e Al Razi, informa a axencia Europa Press. O campamento de refuxiados desta cidade foi albo de numerosos ataques de Israel nas últimas semanas, deixando decenas de vítimas. Non se recordan ofensivas semellantes en Cisxordania desde os tempos da Segunda Intifada.

A pelota está agora no tellado de Joe Biden, asegurou o dirixente palestino Nabil Abu Rudeina, que reprocha a oposición dos Estados Unidos a apoiar un alto o fogo no Consello de Seguridade da ONU. "O veto dos EUA foi o que deu luz verde á ocupación israelí para continuar a guerra, a agresión e os crimes", censurou.

Comentarios