20.000 mortos en Gaza, 8.000 deles crianzas, cando se intensifican as conversas para unha nova tregua

Amais das masivas mobilizacións a nivel mundial, os ataques hutís desde o Iemen a buques en dirección a Israel están a exercer presión sobre os Estados Unidos, principal aliado e provedor de armas sionista, para que force a fin da agresión.
Crianza feira nun ataque israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Crianza feira nun ataque israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O líder da organización palestina Hamás, Ismail Haniyeh, chegou hoxe a Exipto para desenvolver reunións coas autoridades locais arredor dun potencial alto o fogo na agresión israelí á Faixa de Gaza. As xuntanzas responden á intensificación dos contactos para lograr unha nova tregua nos últimos días, no marco da presión interna e internacional sobre Israel e os Estados Unidos, e tras o encontro a segunda feira en Polonia de funcionarios sionistas, estadounidenses e qatarís.

O acordo incluiría un novo intercambio de persoas detidas en Gaza por detidas en Israel. Ghazi Hamad, da dirección de Hamás, reiterou que a prioridade da organización é “deter a agresión” e a “gran catástrofe” en Gaza por mor dos ataques israelís indiscriminados, rexeitando calquera pausa temporal que non implique un alto o fogo permanente.

Amais das masivas mobilizacións a nivel mundial, os ataques hutís desde o Iemen a buques en dirección a Israel, que obrigaron boa parte das principais empresas navieiras a evitar a ruta do canal de Suez, están a exercer presión sobre os Estados Unidos, principal aliado e provedor de armas sionista, para que force a fin da agresión, que para persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) é unha limpeza étnica e un xenocidio. Malaisia reforzou hoxe a presión internacional neste sentido ao prohibir que os navíos con bandeira de Israel atraquen no país.

A pesar de que Israel insiste en que se fixo co control de Jabalia, no norte de Gaza, 46 persoas foron asasinadas nun ataque aéreo contra o campo de refuxiados da localidade, no contexto dun aumento no número de ataques a civís.

As autoridades de Gaza elevaron a 20.000 a cifra de palestinas e palestinos asasinados por Israel desde o 7 de outubro, entre eles 8.000 crianzas e 6.200 mulleres. Sen cuestionar as accións israelís, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, sostivo que a operación militar israelí debe entrar “nunha fase de menor intensidade”.

Por terceiro día consecutivo, Washington freou hoxe a votación dunha resolución sobre Gaza no Consello de Seguridade da ONU, onde vetou dúas mocións ao respecto.

Para tratar de evitar un novo veto, a proposta pasou de instar a un alto o fogo a unha suspensión dos combates, mais os Estados Unidos tamén criticaron que se outorgue á ONU a responsabilidade da inspección da axuda humanitaria para a Faixa e aseveran que a resolución ten que incluír o dereito de Israel a defenderse, algo que o dereito internacional non admite en relación a un territorio ocupado, como é o caso de Palestina.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios