Israel acelera as negociacións para un alto o fogo entre a presión interna e externa

O Goberno de extrema dereita israelí impulsa as negociacións após 7.300 mobilizacións a favor de Palestina en todo o mundo e logo de non conseguir liberar as persoas en mans de Hamás a pesar de asasinar máis de 19.000 palestinas e palestinos.
Mobilización o pasado domingo en Compostela para exixir a fin do xenocidio contra o pobo palestino que está a perpetrar Israel. (Foto: Xan Muras)
photo_camera Mobilización o pasado domingo en Compostela para exixir a fin do xenocidio contra o pobo palestino que está a perpetrar Israel. (Foto: Xan Muras)

Bill Burns, director da Axencia Central de Intelixencia dos Estados Unidos, reuniuse hoxe en Varsovia, a capital polaca, co primeiro ministro de Qatar, Mohammed bin Abdulrahman Al Thani, e David Barnea, director do Mossad, unha das axencias de Intelixencia israelís, para abordar un novo acordo de alto o fogo na agresión sionista ao territorio palestino da Faixa de Gaza, confirmaron funcionarios estadounidenses e israelís ao portal Axios. Os funcionarios sionistas sinalaron que “a participación continua de Burns nas negociacións é de vital importancia para lograr calquera novo acordo” que implique intercambios de persoas palestinas presas en Israel por israelís detidas en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro.

En paralelo, medios sionistas confirmaron que o Goberno de extrema dereita en Israel aprobou que Barnea reactivase as negociacións, logo dunha xuntanza na noite da sexta feira en Noruega entre o líder do Mossad e o primeiro ministro qatarí, e o portal Ynet citou unha fonte involucrada nas conversas que sostén que serán “longas, complicadas e máis difíciles que antes”. “Os estadounidenses non queren deixalo en mans dos israelís posto que aparentemente non confían en que o Goberno de [o primeiro ministro israelí Benjamin] Netanyahu cambie de dirección”, explicou o analista da canle Al Jazeera Marwan Bishara.

O certo é que o ministro de Seguridade Nacional de Israel, Itamar Ben-Gvir, da póla máis conservadora do Executivo ultradereitista, ameazou Netanyahu con deixar caer a coalición de Goberno se a agresión en Gaza non “continúa con toda a forza”. En paralelo, Osama Hamdan, da dirección de Hamás, indicou á canle Al Mayadeen que todas as cuestións “poderán ser negociadas”, mais as conversas non se producirán “antes dun alto o fogo”, insistindo na capacidade da resistencia palestina de combater “durante meses” se é preciso contra as tropas sionistas.

Após as críticas anteriores das familias e persoas achegadas ás e aos israelís capturados o 7 de outubro a Netanyahu ao transcender que rexeitara á volta á mesa de negociación, o proceso acelerouse desde a noite da sexta feira, cando se fixo público que os soldados israelís no norte de Gaza mataron tres dos capturados. A investigación do Exército sionista corroborou que os tres homes apareceron sen camisola (para probar que non estaban armados) e axitando unha bandeira branca, o que non impediu que foran asasinados polas tropas.

“Non é sorprendente”, explicou un dirixente do grupo de dereitos humanos B’Tselem, que fixo énfase en que “documentamos ao longo dos anos innumerábeis incidentes de persoas que claramente se renderon e que aínda así recibiron disparos”, ao tempo que Avner Gvaryahu, que lidera Breaking the Silence, narrou que en anteriores agresións á Faixa de Gaza os soldados recibiran instrucións de “disparar a todo o que se mova”, inquirindo “a cantos palestinos lles dispararon así”, o que levou a axencia AP a cuestionar se as mortes dos cativos reflicten a “forza excesiva dirixida aos palestinos”.

Sexa como for, as mortes provocaron unha importante mobilización o sábado en Israel, e Avi Shamriz, pai dun dos israelís asasinados polo seu propio Exército, incidiu en que o soldado que disparou “sabía con quen estaba a tratar”, mentres que a deputada do Likud -a formación de Netanyahu- Tally Gotliv acusou os militares de difundir os feitos para intentar pór fin á agresión contra Gaza. O Exército israelí admitiu que máis de 400 soldados perderon a vida desde o 7 de outubro, nunha campaña militar na que un dos obxectivos principais é a liberación das persoas que fican capturadas en Gaza, 129 segundo Israel.

O docente de Asuntos Internacionais na Universidade de Qatar, Youcef Bouandel, trasladou que as condicións para unha nova tregua son as “axeitadas”, debullando que malia os bombardeos indiscriminados e a tentativa de invasión israelí en Gaza é pouco probábel que consiga liberar as persoas israelís detidas coa operación militar activa, algo que si aconteceu no primeiro alto o fogo. Persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) constataron que se trata dunha limpeza étnica e dun xenocidio contra o pobo palestino.

Presión internacional

Todo isto acontece no marco dunha forte presión internacional contra as accións israelís, con masivas mobilizacións en todo o mundo a fin de semana que tamén se estenderon dentro dos Estados Unidos, o principal aliado e provedor de armas israelí. Na Galiza, máis de 5.000 persoas asistiron á manifestación que decorreu o pasado domingo en Compostela para exixir a fin do exterminio do pobo palestino. O reconto efectuado por medios árabes desvela que desde o 7 de outubro producíronse no mundo arredor de 7.300 protestas a favor de Palestina, máis de 800 a favor de Israel e aproximadamente 250 neutrais, pedindo paz.

A entidade non gobernamental Human Rights Watch acusou Israel de usar “deliberadamente” a fame como arma de guerra, e reclamou aos líderes mundiais que se sumen á denuncia deste “abominábel” crime de guerra, nunha xornada na que Israel concentrou os seus ataques aéreos contra os hospitais e os campos de refuxiados de Gaza, nunha situación que levou a que até Alemaña, que está a reprimir as posicións propalestinas entre a súa poboación, demandara un alto o fogo sostido. No mínimo 19.453 palestinas e palestinos foron asasinados polos ataques israelís, case 8.000 deles eran crianzas.

Os ataques hutís no mar Vermello impulsan a suba do prezo do petróleo

O  prezo global do petróleo medrou hoxe máis de 3%, co barril de Brent por riba dos 72 euros, a cifra máis alta desde o 5 de decembro, logo de que BP suspendera todos os tránsitos polo mar Vermello, onde o movemento hutí está a frear o paso de buques en dirección a Israel para exixir a fin da agresión sionista a Gaza. A alza do prezo do gas natural no mercado de referencia na Unión Europea, o TTF neerlandés, superou 14%.

Outros dous ataques foron rexistrados na zona a segunda feira, cando tres navieiras chinesas, Cosco, OOCL e Evergreen, confirmaron que evitarían a ruta que cruza o canal de Suez, sumándose á compañía de petróleo norueguesa Equinor e ás navieiras especializadas en conbustíbeis fósiles Euronav e Frontline, mentres que Maersk e Hapag-Lloyd tomaron a mesma decisión a finais da pasada semana.

Os Estados Unidos anunciaron que iniciaron as conversas con outros Estados para constituír unha coalición que protexa o tránsito na zona, ao que contestaron afirmativamente varios membros da alianza militar que lidera, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Pola súa banda, os hutís negáronse a negociar ao respecto e aseguraron que os ataques seguirán en paralelo á agresión israelí contra Palestina, que esta segunda feira debateu o Consello de Seguridade da ONU.

Á hora do feche desta edición o organismo abordaba unha resolución para o “cesamento urxente e sostíbel das hostilidades” en Gaza, tras vetar Washington hai semana e media unha moción similar.

Comentarios