Altri: máis preguntas que respostas sobre o proxecto, o emprego e o impacto sobre unha comarca na que impera a incerteza

A que se vai dedicar exactamente a factoría de Altri na Ulloa? Cantos postos de traballo xerará? Como impactará na contorna a nivel ambiental? E sobre os sectores produtivos da comarca? O proxecto do xigante portugués sementa cada vez máis dúbidas entre a veciñanza e o 'non' gaña adeptos.
Protesta veciñal contra o proxecto de Altri nun encontro con representantes da compañía en Palas de Rei, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta veciñal contra o proxecto de Altri nun encontro con representantes da compañía en Palas de Rei, a pasada semana. (Foto: Europa Press)

Moito mudaron as cousas desde que a comezos de 2022, hai xa dous anos, chegaban á Galiza os primeiros ecos do proxecto que Altri pretendía instaurar no interior do país. Era abril daquel ano cando o xigante portugués prometía traer até 2.500 empregos ao país a través da que sería a primeira fábrica de fibras téxtiles galega e a segunda de Europa.

E precisamente o impacto da factoría no emprego é unha das cuestións que máis saíu á palestra nos últimos tempos. As primeiras estimacións da Xunta da Galiza apuntaban a 700 postos de traballo directos; logo, de máis de 1.000; despois a propia empresa mencionou os 2.500 "entre directos e indirectos", prevendo até 1.500 nas propias instalacións de Altri en Palas de Rei, se ben hoxe fala de 500 directos e uns 2.000 indirectos. Xa daquela diferentes economistas puñan en dúbida esas cifras nas páxinas de Nós Diario, reducindo as expectativas a uns 200.

Eses 200 son tamén os que, con base nos seus cálculos unha vez estudada a documentación do proxecto, considera a plataforma Ulloa Viva que xerará a 'macrocelulosa' de Altri. E a propia denominación da proposta empresarial do grupo luso xera tamén boa parte da desconfianza da veciñanza das comarcas afectadas: é unha planta de fibras téxtiles ou unha celulosa "dez veces maior que a de Ence en Pontevedra", como denuncian os colectivos ecoloxistas?

Dous anos despois daqueles primeiros ruxerruxes, a empresa presentou un proxecto fraccionado, que comeza pola captación de augas que precisa para a súa produción, agora non só de fibra téxtil, senón de ciclo combinado de celulosa e lyocell. A situación elixida para esta celulosa é Palas de Rei, no corazón do Camiño Francés e a Rede Natura 2000.

Entón, é unha celulosa? O propio Goberno galego parece non telo claro. "Nin coñezo a empresa, nin é a miña función coñecer a empresa; a miña función é controlar no territorio a implantación da empresa e que cumpra estritamente coa lei desde o punto de vista ambiental", dixo esta sexta feira a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

A incerteza paira sobre a comarca. Nun recente encontro coa veciñanza de Palas de Rei, a pasada semana, técnicos de Altri admitiron que aínda non dispoñen dos terreos precisos para construír a 'macroplanta'. "Non se mercou o noso predio, está todo no ar, falan de algo que van facer e nin sequera falaron cos veciños e propietarios", lamentou un veciño que leva "dous anos esperando respostas" da multinacional.

De non chegarse a un acordo para o traspaso dos predios, porén, a Xunta da Galiza está disposta a explorar a vía da expropiación. "Non sería a primeira vez que houbese que recorrer a outros procedementos", defendeu o presidente Alfonso Rueda a pasada quinta feira, preguntado por Nós Diario, sobre se estaría aberto a expropiar.

A de Palas foi unha das últimas reunións do persoal de Greenfiber —sociedade participada por Altri que impulsa o proxecto— cos veciños e veciñas afectadas, pois ante os insistentes e incesantes berros de "Altri, non" e "A auga é nosa, e non da celulosa" que os acompañaron en Melide, Monterroso ou Agolada, decidiron suspendelas alegando supostas "actitudes violentas".

Mentres, a veciñanza segue a organizarse a través da plataforma Ulloa Viva para manter a súa firme oposición ao proxecto e demandar á Xunta a súa paralización. Unha negativa á que a semana pasada xa se sumaron os gobernos locais de Arzúa e Melide e que, dada a crecente incerteza en todo o relativo á futura factoría, segue a gañar adeptos, a un ritmo vertixinoso, conforme pasan as horas.

Comentarios