A conselleira de Medio Ambiente di non coñecer Altri: "Nin coñezo a empresa, nin é a miña función"

"A miña función é controlar no territorio a implantación da empresa e que cumpra estritamente coa lei desde o punto de vista ambiental. A partir de aí, se cumpre, perfecto, e se non cumpre, síntese", dixo. Tamén a secretaria xeral do PP, Paula Prado, e o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, alegaron descoñecemento sobre os detalles do proxecto da multinacional portuguesa.
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e o titular de Mar, Alfonso Vilares, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e o titular de Mar, Alfonso Vilares, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

"Nin coñezo a empresa, nin é a miña función coñecer a empresa; a miña función é controlar no territorio a implantación da empresa e que cumpra estritamente coa lei desde o punto de vista ambiental. A partir de aí, se cumpre, perfecto, e se non cumpre, síntese". Con estas palabras respondeu esta sexta feira a conselleira de Medio Ambiente do Goberno galego, Ángeles Vázquez, ás preguntas dos medios sobre os drásticos cambios no proxecto presentado finalmente por Altri para A Ulloa con respecto á proposta inicial.

Vázquez insistiu en que o seu cometido non é "coñecer" a multinacional que pretende construír unha 'macrocelulosa' con epicentro en Palas de Rei, senón "controlar no territorio a implantación da empresa" e velar porque "cumpra estritamente coa lei". Tamén asegurou que, como "máxima responsábel" de Medio Ambiente, non está "preocupada" polo posíbel impacto da factoría sobre a contorna, alegando que na Galiza "o rigor é total e absoluto".

A conselleira insistiu tamén en que nos "centos de informes" emitidos polo seu departamento "xamais houbo ningún erro"; unha afirmación, porén, que bate coas numerosas sentenzas xudiciais do TSXG que tombaron diferentes parques eólicos autorizados por Medio Ambiente —sen ir máis lonxe, tres novos casos de paralización cautelar transcendidos esta mesma sexta feira—, que ela mesma mencionou amparándose nos que foron recorridos ante o Supremo en favor da Xunta. "Dígoo categoricamente", porfiou.

Sobre a decisión de Altri de suspender as charlas informativas previstas pola forte oposición veciñal, Vázquez afeou os "enfrontamentos": "O primeiro que hai que facer é escoitar, preguntar, asesorarse. Podes poñerte a favor ou en contra, pero o que non podemos permitir son as faltas de respecto, onde a unha persoa que era moderadora alguén lle arrinca o micrófono dunha maneira moi agresiva. Galiza é outra cousa".

Tamén pediu "calma" aos veciños e veciñas e asociacións que se opoñen ao proxecto e lembrou que poden facer "as alegacións pertinentes", que "serán contestadas", e vaise dar "a información necesaria". "Se os informes son favorábeis, Altri vaise implantar; se os informes son desfavorábeis, Altri non se vai implantar", resolveu.

Prado e Rueda tamén alegan descoñecemento sobre Altri

Esta mesma sexta feira a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, na liña da conselleira de Medio Ambiente, admitiu en rolda de prensa que non coñece "en profundidade" a proposta de Altri. "Como calquera proxecto estratéxico innovador novo é normal que xere inquietudes entre os veciños. Sobre todo se hai grupos políticos interesados en intoxicar con todos os seus satétites, que todos coñecemos", engadiu.

E o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preguntado pola falta de terreos para a factoría de Altri, apuntou na rolda posterior ao Consello da Xunta desta quinta feira que descoñece o "detalle" do procedemento de compra dos terreos, polo que avogou por "esperar" por se a Administración tivese que tomar algunha decisión. "Non sería a primeira vez que se tería que recorrer a outros procedementos", sinalou, abrindo a porta ás expropiacións.

Comentarios