O DEBATE | É economicamente positiva para Galiza a celulosa de Altri?

O debate sobre a celulosa proxectada en Palas de Rei (A Ulloa) polo conglomerado de Altri e Greenalia marca a actualidade política e económica da Galiza. Debaten sobre o proxecto o economista Marcelino Fernández Mallo e a presidenta de Lugomadera, Carmen Gayoso.

GIjPNTdWMAAO3MT
photo_camera Feira do queixo de Arzúa, centrada na DO Arzúa-Ulloa, a segunda do Estado en produción de queixo. (Foto: Nós Diario).

Altri, unha cuestión de modelo

Marcelino Fernández Mallo, economista e consultor

Marcelino Fernandez Mallo

Seica o Goberno español desbloqueou fondos destinados ao proxecto de Altri en Palas de Rei. Nunca pensei que ocorrería tal cousa porque a iniciativa vai en contra dos principais criterios que rexen a política económica e medioambiental na Unión Europea. Vai en contra, por exemplo, da Lei de Restauración da Natureza que aprobou a UE hai ben pouco. E vai en contra dos principios de prevención, conservación e mellora do medio natural así como a protección do cidadán ante posibles riscos contra a saúde e o benestar. 

Nun acto de hai unhas semanas, un representante do Goberno vasco empezou a súa intervención lembrando que o coidado da natureza fixouse como eixo fundamental do autogoberno de Euskadi. A economía vasca pasou de basearse na industria pesada a outra cos seus fundamentos na I+D, na tecnoloxía e na protección do medio ambiente de modo que nestes momentos Euskadi é un referente internacional en termos de sostibilidade e competitividade. Semella que Galicia está disposta a ignorar as correntes da modernidade económica e retroceder 50 anos para tomar o relevo daquel País Vasco do século XX.

Debe considerarse a macrofábrica de Altri un proxecto máis propio do século pasado que do tempo actual? Tristemente si. A factoría que o grupo luso quere instalar en Palas de Rei traería unha serie de consecuencias nefastas para A Ulloa que contradín a esencia mesma dunha economía sostible. En primeiro lugar, pola zona afectada, unha superficie equivalente a máis de 500 campos de fútbol. O segundo, polos predios a ocupar, en principio máis de 350. O terceiro, pola demanda de eucalipto que implicaría. E en cuarto lugar, polo uso intensivo de grandes cantidades de auga e o vertido posterior de augas residuais.

O proxecto de Altri é un exemplo das economías subdesenvolvidas

O proxecto de Altri revélase un exemplo típico das economías subdesenvolvidas, proxectos que adoitan implicar a explotación de recursos naturais con impactos perniciosos sobre o medio ambiente e a comunidade, ao tempo que implican importantes beneficios para unhas multinacionais alleas aos intereses locais e á conservación do medio autóctono. Aínda máis, en caso de non conseguir a rendibilidade esperada, a empresa abandonará o proxecto deixando atrás unha estela negra de degradación e decadencia. Ninguén se pregunta por que Portugal rexeita o proxecto e a empresa opta por unha instalación en Galicia? Altri presenta unha historia de problemas ambientais en Portugal, principalmente polas verteduras contaminantes no río Texo e pola plantación masiva de eucalipto arredor das súas fábricas. No caso de Palas de Rei, falamos de 4.000 hectáreas de eucalipto anuais o que  provocaría efectos devastadores no territorio.

O proxecto significaría a asignación de inxentes recursos públicos a un proxecto que non resulta esencial. Cando se fala da minaría de litio, cobalto ou terras raras, por exemplo, estamos a tratar de materias primas cualificadas de estratéxicas pola UE xa que son fundamentais para as tecnoloxías que utilizan as enerxías renovables. Neses casos, hai que medir con cautela os custos e os beneficios para a comunidade. Pero no caso da macrofábrica de Altri, falamos de celulosa e fibra téxtil, materiais que pouco teñen que ver con necesidades esenciais económicas ou sociais.

Agora, imaxinemos por un momento que o investimento público se canaliza cara á promoción de proxectos da industria agroalimentaria a partir de cultivos de como cereais, froitos secos ou oleaxinosas. Tales alternativas teñen un potencial de creación de emprego ben máis elevado que a macrofábrica de Altri, con postos ademais de maior calidade, promoverían a diversificación económica e a repoboación do rural ao tempo que fomentarían prácticas agrícolas sostibles e respectuosas co medio ambiente. Como di o título do artigo, é cuestión de modelo.


Unha oportunidade para o sector forestal

Carmen Gayoso, presidenta de Lugomadera e empresaria

CARMEN-GAYOSO

Debido á extensión da súa superficie forestal, Galicia está considerada unha potencia europea neste eido. O 50 % da madeira que se corta en España provén de montes galegos; a cadea forestal-madeira representa case o 2 % do PIB da comunidade; e supón o 12 % do emprego industrial, boa parte do cal sitúase en áreas rurais nas que, en moitas ocasións, non existe ningún outro tipo de actividade alén da forestal. Estamos falando, logo, dunha industria de enorme importancia relevancia que sitúa a Galicia nunha posición privilexiada para a creación de sinerxías industriais que cumpran cos preceptos que definen a bioeconomía circular.

Lugomadera aposta polo aproveitamento sostible dos nosos recursos forestais. Cremos que este debe partir dunha xestión responsable conducente sempre á pervivencia no tempo das masas arbóreas e rematar na elaboración de produtos diversos, como os elementos estruturais destinados á construción, ata outros máis innovadores que poidan destinarse a outro tipo de industrias, como a enerxética ou a téxtil. Consideramos polo tanto imprescindible a promoción e desenvolvemento de actividades industriais que permitan maximizar o valor engadido dos nosos recursos nun contexto global de incremento da demanda de produtos que poidan constituír unha alternativa a outros de orixe fósil. E especialmente tamén no contexto galego, no que é vital un proceso de reindustrialización que proporcione postos de traballo de calidade e contribúa a fixar poboación.

Altri supón o feche dun ciclo industrial ligado á madeira

Por todo isto, en Lugomadera apoiamos o proxecto de creación da fábrica de fibras téxtiles proposto por Altri, desde a convicción de que cumpre cos parámetros que definen o concepto de bioeconomía forestal, imprescindible para acadar un desenvolvemento sostible. O lyocell, un dos produtos que xerará esta fábrica, é unha fibra semisintética que pode substituír a outra fibras artificiais cuxo proceso de produción é máis contaminante e agresivo co medio ambiente. Ademais, supón o peche dun ciclo industrial ligado á madeira e permite interrelacionar dous sectores estratéxicos para Galicia, o téxtil e o forestal.

Non é desprezable tampouco a creación de emprego prevista, estimada en 2.500 directos. Tendo en conta que o despoboamento do rural galego, provocado en moitos casos pola falta de oportunidades laborais atractivas, é un dos problemas máis serios (senón o máis) que afronta a comunidade, a creación deste volume de postos de traballo debería contribuír a dinamizar de maneira importante a comarca. E hai que ter en conta tamén a influencia que unha fábrica deste tipo pode ter nas restantes empresas da cadea, promovendo a profesionalización do sector a través dunha xestión que incorpore sistemas de certificación forestal que garantan a trazabilidade da madeira comercializada en Galicia.

Desde Lugomadera queremos solicitarlles a todos os axentes implicados na implantación deste proxecto unha actitude empática e aberta. Trátase de conciliar a través do diálogo intereses diversos e todos eles lexítimos. En realidade, trátase de definir o monte que queremos, o rural que queremos e, en certa medida, tamén a Galicia que queremos. Nós queremos un monte diverso en especies e usos. Cremos que hai lugar para as fragas e para plantacións produtivas da especie que sexa, de piñeiro, eucalipto ou carballo; para xestións orientadas exclusivamente á conservación e para outras destinadas ao subministro de materia prima para a industria da madeira, entre outras moitas posibles. E respecto aos procesos de transformación, consideramos que debe haber espazo para moi distintas iniciativas, desde as máis artesanais ata aquelas que nos permitan posicionarnos nos mercados internacionais máis innovadores. E desde esa postura, como parte activa que somos do sector forestal, dámoslle sen dúbida a benvida a Altri.

Comentarios