A automoción leva as exportacións galegas a marcar o récord histórico

O sector forestal da Galiza sofre unha parada en 2023.
Un operario traballa cun vehículo na sede de Stellantis, na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Un operario traballa cun vehículo na sede de Stellantis, na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

O Foro Económico destacou esta quinta feira o récord exportador rexistrado pola Galiza en 2023, cun aumento de 0,6% sobre 2022, que marcaba o mellor dato na serie histórica. Deste modo, sitúase na sexta posición entre as autonomías do Estado español.

Así figura no Barómetro Exportador da Galiza (Baexga), que elabora o Foro Económico, despois de que o pasado mes de febreiro se coñecera que a Galiza superou en 2023 por primeira vez os 30.000 millóns de euros en exportacións nun ano, o que supón bater o récord histórico de vendas ao exterior.

Respecto diso, a institución remarcou que a automoción rexistrou o maior tirón destas exportacións, sendo o sector con máis peso (29%) e con maior aumento (+22,4%). A isto sumáronse o téxtil e o sector da madeira como os de maior achega.

Até 70% das exportacións galegas realizáronse a Estados da Unión Europea (UE), con Francia como principal mercado, seguido de Portugal e Italia. Ademais, perto de 40% das empresas galegas que fan vendas fóra do Estado español superaron os 50.000 euros de facturación. Porén, destacou o Foro, só 9% venden fóra produtos de alta intensidade tecnolóxica.

Un dos puntos que chamou a atención da institución foi que a Galiza situouse como a novena potencia forestal da UE e a primeira do Estado, aínda que no ano 2023 sufriu "unha parada".

Inflación industrial

Os prezos industriais diminuíron na Galiza 8,4% en marzo respecto ao mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta maneira, a Galiza rexistrou unha caída superior á da media estatal, onde o descenso foi de 8,2%.

Na Galiza, os bens de consumo incrementaron o seu prezo en marzo 2,2%, mentres que os de equipo fixeron o propio 0,4%. Con todo, os bens intermedios diminuíron 4,3% e a enerxía  25,6%, sempre en comparación co terceiro mes do ano pasado. Ademais, o total da industria sen enerxía baixou a súa inflación 0,7% de forma interanual.

Comentarios