Altri pon en risco as explotacións agrarias das comarcas afectadas, 15% das que hai na Galiza: "É o mazazo máis grande que nos poden dar"

O complexo agragandeiro da Ulloa observa con preocupación o proxecto de Altri para Palas de Rei. O conglomerado, conformado por 525 granxas, 14.097 cabezas de vacún e máis de 20 empresas de transformación, entende, maiormente, que a pasteira hipoteca a viabilidade dos seus negocios.

As comarcas de Arzúa, A Ulloa, O Deza e Terra de Melide suman 15,6% das granxas da Galiza. Na imaxe, vacas pastando na parroquia de Brocos, Agolada (O Deza).
photo_camera As comarcas de Arzúa, A Ulloa, O Deza e Terra de Melide suman 15,6% das granxas da Galiza. Na imaxe, vacas pastando na parroquia de Brocos, Agolada (O Deza).

"Altri é o mazazo máis grande que se lle pode dar á comarca e aos proxectos de agricultura ecolóxica que se desenvolven nela", sinala a Nós Diario Xosé Luís Carrera, propietario de Arqueixal, unha das marcas de produtos lácteos máis recoñecidas da Denominación de Orixe (DO) Arzúa-Ulloa. "No momento en que metas este monstro aquí, calquera iniciativa de economía sustentábel non vén", advirte, o responsábel da empresa, que considera que o proxecto de celulosa tería “un impacto negativo no territorio, no sector primario e no sector da agricultura ecolóxica”, pois "está en competencia directa co sector lácteo, porque dedicar terras a usos forestais e, neste caso, para as plantacións de eucaliptos, vai en detrimento da utilización das mesmas para pastos e, por conseguinte, impide aumentar a base territorial das explotacións".

Arqueixal transforma o leite da súa explotación producido en ecolóxico -atendendo aos “saberes tradicionais, respectando a natureza, o desenvolvemento sostíbel e endóxeno e a produción artesanal”- en queixos, iogures e leite, que comercializa con éxito por toda a Galiza, seguindo o criterio de vender o máis local posíbel. A granxa, emprazada na parroquia de Alba, no concello de Palas de Rei (A Ulloa), compatibiliza a actividade gandeira cun proxecto de agroturismo que arrancou en 2009 e non deixa de medrar.

Carrera, que durante 20 anos ocupou a Presidencia da DO Arzúa-Ulloa, explica o importante desenvolvemento do sector de transformación dos produtos agrarios na zona “porque A Ulloa tiña unhas características que permitiron a posta en marcha de máis proxectos de transformación que noutros lugares da Galiza”. Neste punto, o propietario de Arqueixal lembra “a existencia de 20 empresas de transformación de lácteos dentro da denominación de orixe", a segunda en produción de queixo no Estado español.

A gandaría

A celulosa de Altri pon en risco a actividade gandeira da comarca, afecta a vida das persoas e pon en perigo a viabilidade das nosas explotacións”, explica a Nós Diario Ana Corredoira, titular da granxa A Cernada de Palas de Rei e cooperativista de As Vacas da Ulloa, a través da cal procesa e comercializa o seu propio leite baixo a etiqueta Sen Máis.

Corredoira destaca que “A Ulloa é unha comarca eminentemente gandeira, que desenvolve unha importante valorización do sector primario cun importante complexo de transformación que fecha ciclos e xera valor engadido e que avanza un paso máis coas certificacións de produción ecolóxica do leite e doutras producións agrarias e gandeiras”. Neste sentido, considera que “á hora de escoller A Ulloa para emprazar a celulosa de Altri non tiveron en conta a realidade socioeconómica da zona, polo que o proxecto ten un carácter invasivo”.

A explotación desta gandeira conta cunha produción anual de máis de 350.000 litros e foi a primeira da comarca en certificarse en ecolóxico no ano 2000. Agora, coa súa socia de As Vacas da Ulloa, Marta Álvarez, da monterrosina Granxa Maruxa, vende o seu leite da marca Sen Máis por toda a Galiza. Precisamente, a cooperativa As Vacas da Ulloa naceu para “asumir o reto de fechar o ciclo produtivo para así tratar de garantir o futuro dos nosos proxectos a través da creación de valor engadido”, expón Corredoira.

Falta de auga

A cooperativista de As Vacas da Ulloa advirte dos elevados consumos de auga previstos pola celulosa. Así, afirma que Altri “solicitou unha captación de 46 millóns de litros ao día, dos que devolverían 30 millóns en forma de verteduras e isto é unha gran cantidade de auga que vai impactar nas nosas explotacións, particularmente nos períodos de seca do verán”.

“O noso proxecto é posíbel porque o medio natural da comarca nolo permite e, se nos poñen aquí a celulosa de Altri e nos invaden de eucaliptos, non tería sentido continuar con el”, afirma a Nós Diario Carmela Valiño, socia de Milhulloa, quen destaca que “a marca da Ulloa está asociada a produtos de alta calidade, producidos en ecolóxico e ligados á economía circular”.

Nesta liña, incide en que “se Altri se instala aquí, os que traballamos coas plantas e en ecolóxico, como nós, non poderiamos seguir e, ademais, o proxecto deixaría de ter sentido tal é como foi concibido”. A este respecto é categórica sinalando que “Altri choca co noso modelo de negocio, baseado na xeración de produtos de alto valor engadido, mediante a aposta pola investigación e o traballo en rede”.

Agro e innovación

Milhulloa é unha iniciativa empresarial de referencia na Galiza e no Estado español. O proxecto, lanzado en Palas de Rei hai máis de dúas décadas por Chusa Expósito e Carmela Valiño, cultiva, transforma e comercializa plantas medicinais ecolóxicas.Nos últimos anos, en colaboración con Granxa Maruxa, puxo en marcha unha liña de produtos de cosmética ecolóxica denominada Muuhlloa, cunha grande aceptación no mercado galego. Ao tempo, o proxecto de Milhulloa destaca por dedicar grandes esforzos á investigación, mantendo neste momento convenios coa Facultade de Químicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ou co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Carmela Valiño explica que “até agora non podíamos crer que isto de verdade podía ir adiante, por iso os produtores da comarca estamos a organizarnos nunha fronte común para poder parar este proxecto de celulosa presentado por Altri”. Nesta dirección, a socia de Milhulloa asegura, “non coñezo ninguén do sector agrogandeiro desta comarca que estea a favor da celulosa” e defende seguir apostando por “modelos produtivos que defendan a biodiversidade e que xeren valor engadido nas producións”.

A competencia entre Altri e as granxas polos usos das terra agrarias

A Galiza conta con 26.067 explotacións gandeiras, 4.087 das cales (15,6% do total) están situadas nas comarcas onde Altri aspira a instalarse. Así, a comarca de Arzúa rexistra 853 granxas, Deza 1.903, Terras de Melide 805 e A Ulloa 526, destacando Palas de Rei, con 245 explotacións e 7.115 cabezas de gando vacún, das que 4.566 se dedican á produción de leite. Precisamente, un dos grandes problemas que enfrontan as explotacións gandeiras galegas é a falta de base territorial, que incrementa os seus custos de produción.

A profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en cuestións agrarias Mar Pérez Fra sinala a Nós Diario que “as explotacións non conseguen xerar rendibilidade pola falta de base territorial” e advirte de que “non estamos en condicións de continuar co actual modelo de xestión forestal, porque iso compite cos usos agrarios e se queremos explotacións competitivas teñen que ter base territorial”.

Pérez Fra amósase convencida de que “a celulosa de Altri vai xerar competencia polos usos da terra nunha comarca como A Ulloa, que xa conta con moitas explotacións certificadas en ecolóxico e dispón dunha industria de transformación moi potente cun mercado moi consolidado ligado á Denominación de Orixe Arzua-Ulloa”. Porén, a economista destaca que “isto non é un problema local ou das comarcas directamente afectadas, senón que é un problema galego, xa que condiciona toda a política agraria do país”.

Comentarios