Cantos postos de traballo reais creará a fábrica de Altri en Palas de Rei?

A fábrica de viscosa é un dos primeiros proxectos anunciados polo Goberno galego ao pouco de coñecerse o programa Next Generation. No seu momento, as empresas escollidas para levala a cabo foron Inditex e Ence, que non tardaron en renunciar a participar. A actual proposta da portuguesa Altri para a planta continúa xerar moitas dúbidas.

 

Alberto Núñez Feixoo co conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo co conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina. (Foto: Xunta da Galiza)

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural, José González, a directora xeral da Sociedade Impulsa Galiza, Enyd López e o conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, desembarcaron onte en Lugo para explicar as características da fábrica de viscosa proxectada en Palas de Rei.

A proposta, presentada pola Xunta da Galiza dentro da súa candidatura ao programa Next Generation, encaixa, en palabras de Francisco Conde, “no binomio industria-sustentabilidade porque responde aos criterios que marcou a Comisión Europea para o desenvolvemento dunha economía verde, e exemplifica a aposta pola colaboración público-privada para levar adiante os grandes proxectos cos que Galiza aspira aos fondos europeos”.

José González considera “o proxecto como claramente financiábel no marco dos fondos Next Generation, porque cumpre dous requisitos fundamentais, como son a sustentabilidade e a economía circular” e destaca que “que esta iniciativa non ten parangón en ningún outro lugar do mundo polo feito de fechar o ciclo produtivo e ademais facelo con proximidade ao recurso, é dicir, á madeira”.

A instalación desta factoría na Galiza vai depender das axudas públicas outorgadas a iniciativa polos distintos Executivos. A este respecto, fontes da compañía teñen sinalado a Nós Diario que agardan cubrir 25% do investimento total con diñeiro procedente dos fondos Next Generation, o que representa unha achega superior a 200 millóns de euros.

As dúbidas do proxecto

As dúbidas pairan sobre o proxecto da factoría de viscosa de Palas de Rei. A estas teñen contribuído as diferentes cifras achegadas pola promotora e o Goberno galego sobre o alcance do investimento, a man de obra precisa e o impacto na cadea económica. Nese sentido, desde a Xunta da Galiza apuntaron onte a “un investimento de 800 millóns de euros e a previsión de crear máis de 2500 postos de traballo directos e indirectos”.

Os últimos dados ofrecidos polo Goberno galego recollen notábeis diferencias cos aportados por Núñez Feixoo na presentación da proposta en novembro en 2020. Naquela altura, o entón mandatario galego sinalou “un investimento de 950 millóns de euros, para producir 250.000 toneladas de fibra de celulosa e criar 1.000 empregos na fase de montaxe do complexo e arredor de 700 postos de traballo directos unha vez entrase en funcionamento”.

A economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María do Carme García Negro significa en declaracións a Nós Diario esas contradicións. A este respecto, destaca que “as contas máis próximas á realidade non casan coas cifras astronómicas do número futuro de empregos: falouse de 1.000, logo, 1.500, e xa van na feira polos 2.500. Poden seguir poxando ilusións, mais Altri, que en Portugal produce máis dun millón de toneladas emprega 774 persoas”.

"Menos de 200 empregos"

García Negro considera que a factoría de Altri de Palas de Rei xerará menos de 200 empregos. “Aquí, nun proxecto axustado de 200.000 toneladas empregará inicialmente moito menos de 200 persoas; até 2.500 debeuse de mover un cero. Dun investimento desta natureza previsto de 700 millóns de euros é imposíbel empregar 2.500, imposíbel nos termos económicos en que se moven os investimentos nese sector”, conclúe García Negro.

O emprazamento escollido para erguer a factoría de viscosa é obxecto de disputa. Nese sentido, diferentes entidades como Adega, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) ou a FEG (Federación Ecoloxista Galega) advirten que a planta consumirá anualmente "case 500 millóns de m3 de auga" e pregúntanse “de onde se vai extraer ese enorme volume de auga” que “a poboación de Palas de Rei (3.414 habitantes) tardaría máis de 3.200 anos en consumir esa cantidade de auga considerando un consumo diario por persoa de 125 litros”.

As entidades ecoloxistas denuncian que “a localización escollida (A Vacariza, que noutros lugares figura como Finca Rioseco)” “é un espazo de alto valor ambiental, contiguo á Rede Natura 2000 (LIC Serra do Careón), e dentro das unidades ambientais da Rede Natura identificadas pola Xunta con hábitats prioritarios. É pois un espazo candidato a formar parte da ampliación da Rede Natura 2000 na Galiza, insistentemente reclamada pola Comisión Europea e desouvida por Feixoo.

Comentarios