Altri proxecta en Palas de Rei unha celulosa dez veces maior que Ence: así sería a planta de fibras téxtiles

A empresa portuguesa Altri chegou á Galiza da man do Goberno galego e da consultora do ex ministro socialista Pepe Blanco cun proxecto para unha planta de lyocell (fibra téxtil). Dous anos despois, a Xunta de Galiza outorgoulle a declaración de “proxecto estratéxico” e empezan a descubrirse as súas cartas. A planta será de celulosa e lyocell; ocupará 366 hectáreas; precisaría 4.000 ha de eucaliptos ao ano e 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros, dos que devolvería 30 en verteduras; e xeraría unha nube de contaminación aérea de 10 a 30 quilómetros á contorna. A auga do Ulla abastece perto de 150.000 habitantes.
Zona que ocuparía a fábrica, moi próxima ao castelo de Pambre. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Zona que ocuparía a fábrica, moi próxima ao castelo de Pambre. (Infografía: Nós Diario)

A empresa Altri, con tres controvertidas fábricas de celulosa en Portugal, planea en Palas de Rei (A Ulloa) apadriñada pola Xunta da Galiza, unha nova industria con 366 hectáreas de terreo e 10,5 quilómetros de perímetro, dez veces maior que as 36,5 hectáreas de Ence na ría de Pontevedra e os seus 3,3 quilómetros perimetrais. En 2022, esta empresa chegou á Galiza ofertando a implantación dunha industria para a xeración de fibras téxtiles, cos apelidos “bio” e “eco” que lle valeron a declaración de “proxecto estratéxico” por parte da Xunta da Galiza. 

Dous anos despois a empresa presenta un proxecto fraccionado, que comeza pola captación de augas que precisa para a súa produción, agora non só de fibra téxtil, senón de ciclo combinado de celulosa e lyocell. A situación elixida para esta celulosa é Palas de Rei, no corazón do Camiño Francés e a Rede Natura 2000. Estímase que Altri precisaría 46 millóns de litros de auga ao día -o mesmo que consomen 300.000 habitantes-, dos que 30 millóns de litros voltarían a modo de vertedura á parroquia do Sexo, en Agolada (Deza).

O proxecto de canalización de auga que Altri demanda para esta fábrica fixo saltar todas as alarmas. Rematado o 28 de febreiro o prazo de presentación de alegacións, son máis de 700 os escritos presentados por propietarias e propietarios dos 218 predios afectados en Agolada e por outros moitos veciños e veciñas da contorna. A veciñanza oponse a que unha soa empresa saque a diario do encoro de Portodemouros a mesma auga que consomen Vigo e O Morrazo, para devolver á parroquia do Sexo 30 millóns sobrantes ao día “que van vir contaminados e a 29 graos de temperatura, porque se non, non se entende por que collen máis do que precisan e devolven a outro lugar os refugallos diarios cando poderían reutilizar a auga na empresa se tan limpa din que vai saír”, explica a Nós Diario Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva.

Expropiacións

As persoas propietarias das fincas afectadas critican a falla de información por parte tanto da empresa como de concellos e da Xunta da Galiza. “Ninguén nos dixo que nos van expropiar os predios nin por canto, e noutros casos imos ter servidumes de entre 6 e 20 metros pola canalización de auga cara a Palas”, relata a Nós Diario Isabel Pereiro, veciña de Agolada e propietaria de varias leiras afectadas. 
Isabel Pereiro é propietaria de 21 terreos afectados en Agolada, moitos deles con castiñeiros e sobreiras. Critica a falla de información, “a eles a xente non lles importa, dan por feito que nos poden esmagar cando queiran”. Ela teno claro: “Non quero que convertan o encoro de Portodemouros na ría de Pontevedra, a min terán que expropiarme, non teño nada que negociar”.

Coincide neste argumento Ángel López Pumar, veciño do Sexo (Agolada), “souben en xaneiro pola prensa e montamos unha reunión veciñal”. Ángel tería a vertedura de Altri a poucos metros da súa casa e “ninguén da Xunta nin da empresa, nin os do estudo de impacto ambiental, pasaron por aquí”, afirma. Quéixase ademais de que “temos a ameaza de Altri por un lado e polo outro un proxecto de parque eólico, parece que queren que marchemos”.

A auga do Ulla

A auga do río Ulla que Altri vai sacar de Portodemouros chega até a ría de Arousa e abastece 11 concellos. Recibirían a auga vertida por Altri no Ulla perto de 146.000 habitantes de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Padrón, Dodro, Catoira, Valga, Pontecesures, Vilagarcía e Teo.

Desde a Plataforma Ulloa Viva xa se puxeron en contacto con estes concellos e coas mariscadoras e mariscadores da ría de Arousa, que xa veñen sufrindo os problemas de caudais e salinidade que lles ocasiona o encoro de Portodemouros. Consideran que se enfrontan a unha nova ameaza para a industria do mexillón, a ameixa e outras especies nas que Arousa é principal produtora a nivel mundial.

O xeógrafo lalinense Antonio Presas explica a Nós Diario que no caso da auga que demanda a empresa “hai dous problemas, o da captación e a da vertedura”. No caso da captación, Presas alerta de que varios meses ao ano a empresa “vai demandar máis auga da que hai no encoro”, e a vertedura que realizaría dous quilómetros río arriba “vai agravar seriamente a contaminación”. Fronte a isto, Presas reclama para o proxecto “verteduras cero”. “Se din que van devolver ao río unha auga mellor da que captan non ten sentido que a devolvan, que a reutilicen, deben cambiar por completo o proxecto, esta é unha captación inaceptábel”, conclúe.

Chuvia ácida

Estudos ambientais a respecto desta planta avalan tamén risco de “importantes gases contaminantes”. Segundo manifestan a Nós Diario desde a Plataforma Ulloa Viva, a actividade desta celulosa “ademais de cheirar como Ence en Pontevedra, vai provocar unha nube de contaminación que, sen aire, afectará a 10 quilómetros arredor e nos días de vento chegaría a afectar até 30 quilómetros”. 

Quen sabe desa preocupación de modo moi directo é María José Salgado, membro da ANPA do CEIP Arcediago de Santiso (Terra de Melide). Se Altri vai adiante co seu proxecto, o colexio no que están escolarizados máis de 40 nenos e nenas estará a catro quilómetros en liña recta da celulosa. “Non temos información oficial e temos moitas preocupacións”. Por iso esta ANPA presentou alegación conxunta e outras particulares ao proxecto. María José, nai dun neno de 10 anos escolarizado en Santiso, expresa a preocupación veciñal, “non sabemos que clase de megafactoría contaminante imos ter ao lado, van poñer en perigo a saúde nun cole rural”. “Ao meu fillo fálolle do tema porque me pregunta”, di María José, “nós veraneamos en Bueu e no verán pasamos por diante de Ence case que todos os días, está preocupado porque pensa que iso vai a ser o seu día a día”.

Nós Diario contactou co director do proxecto de Altri para Palas, Bruno Dapena, e con Fernando Correa, responsábel da empresa Afry, que elaborou o estudo de impacto ambiental positivo para o proxecto. Este último remitiu ao primeiro, xa que di non conceder entrevistas por seren “contratados”. Finalmente, ningún dos dous deu a súa versión ao respecto.

O modelo da eucaliptización

Outro dos condicionantes deste proxecto de Altri na Ulloa que fixo saltar as alarmas na zona son as necesidades de eucalipto que a planta precisa para producir: 4.000 hectáreas ao ano, co que a Plataforma Ulloa Viva calcula que en 15 anos haberá 60.000 hectáreas de eucalipto plantado nun radio de 50 quilómetros arredor da planta. Altri quere contar con estes eucaliptos perto, co fin de abaratar os custos de produción, pero ten como contrapartida un modelo de monocultivo forestal na zona que ademais de acabar coas especies autóctonas supón un perigo para a Ulloa. A calidade pirófita dos eucaliptos xa lle ten provocado problemas a Altri nas súas tres plantas en Portugal. Estas inmensas moles para abastecer a celulosa foron as culpábeis dos voraces lumes que en 2017 arrasaron o país e mesmo provocaron 62 mortes e outras tantas persoas feridas.

Este mes de febreiro a Xunta da Galiza facía pública unha doazón de Altri de 2 millóns de euros para a prevención e loita contra os incendios forestais. Esta nova causou indignación na Plataforma Ulloa Viva “co que pasou en Portugal pola súa culpa, agora veñen aquí lavar a cara con cartos”, critica Marta Gontá.

O sector forestal tamén se verá afectado por Altri, que promove onde se instala un monocultivo de eucalipto cun só comprador o que “ademais vai tirar cos prezos da madeira”, advirten madeiristas que operan na zona.

Pero non só os eucaliptos ameazan a agricultura do Ulla e a Ulloa. A nube contaminante da celulosa afectaría non só a Palas de Rei, senón que mesmo chegaría a Lugo, Lalín, Vila de Cruces, Friol, Agolada ou Curtis. Esa contaminación aérea provoca o fenómeno da chuvia ácida que, segundo veciñanza afectada, “vai rematar con todos os cultivos da zona, tanto hortas particulares como plantacións”.

Comentarios