Melide súmase a Arzúa e tamén di 'non' a Altri: "Temos que defender os melidenses e o noso territorio"

O Goberno local, formado por Adiante Melide e BNG, e mais o grupo municipal socialista anuncian o seu "total e firme rexeitamento" ao "megaproxecto industrial de celulosa" do grupo empresarial portugués.
Veciñanza de Melide mostrando a súa oposición ao proxecto de Altri fronte aos técnicos da compañía, que abandonaron a reunión e cancelaron as seguintes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Veciñanza de Melide mostrando a súa oposición ao proxecto de Altri fronte aos técnicos da compañía, que abandonaron a reunión e cancelaron as seguintes. (Foto: Nós Diario)

Semana frenética, e decisiva, para o futuro do 'macroproxecto' da multinacional Altri na Ulloa. A forte oposición veciñal levou a compañía esta quinta feira a suspender as charlas informativas previstas en Santiso, Agolada e Antas de Ulla, logo de topar cos constantes cánticos de "Altri non" e "A auga é nosa, e non da celulosa" en concellos como Palas de Rei, Monterroso ou Melide. E aos veciños e veciñas, alén de diferentes colectivos ecoloxistas que levan tempo alertando do "risco" para a contorna da factoría que se proxecta na comarca, empezan a sumarse agora tamén algunhas das corporacións municipais afectadas.

Na mañá desta sexta feira o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, avanzou que o Concello presentará alegacións contra o proxecto de Altri por mor das potenciais afeccións negativas "tanto desde o punto de vista socieconómico como ambiental". "Preocúpanos o uso que esta factoría prevé facer das augas do encoro de Portodemouros así como impacto que pode ter na saúde polo deterioro da calidade do aire e na distribución de contaminantes", dixo, aludindo tamén ao potencial impacto "no tecido produtivo, fundamentalmente na agro-gandaría, e no Camiño de Santiago".

E a primeira hora da tarde anunciou tamén a súa negativa o Goberno local do veciño municipio de Melide, formado por Adiante Melide e BNG, a quen se suma a portavoz do PSdeG no concello. Estas tres formacións trasladan o seu "total e firme rexeitamento" ao "megaproxecto industrial de celulosa" do grupo empresarial portugués.

Xustifican a súa postura nas "grandes diferenzas existentes" co proxecto de investimento inicial presentado pola empresa hai tres anos, unha vez revisada "de forma rigorosa" toda a documentación, que se atopa nestes momentos en fase de exposición pública. "Cámbiase a actividade principal do negocio, pasando de centrarse na produción de fibra téxtil (lyocell) á pasta de celulosa; redúcense drasticamente os postos de traballo prometidos, pasando de 2 500 estimados a unha cifra inferior aos 500, e increméntase de maneira preocupante o impacto ambiental estimado", sinalan.

Por estes motivos, e tendo en conta que Melide, pola súa proximidade, será "un dos concellos máis afectados" pola fábrica de Altri, o equipo de goberno considera "de interese estratéxico" adoptar unha "posición decidida na defensa dos intereses dos melidenses e o territorio". As alegacións que efectuará o Concello de Melide ao megaproxecto industrial estarán enfocadas en cuestións como o impacto que poida ter na saúde das persoas, as afectacións ao Camiño de Santiago ou o impacto medioambiental e visual.

Comentarios