A fábrica de viscosa de Altri situarase en Palas de Rei

A planta, que podería comezar a súa construción este ano, require dun investimento de 800 millóns de euros e podería chegar a crear 2.500 empregos.
Alberto Núñez Feixoo co conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo co conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta da Galiza).

A Mariña, e concretamente o municipio de Cervo foron durante un tempo a opción preferida por Impulsa ─a sociedade participada pola Xunta, Reganosa, Abanca e Sogama para xestionar os proxectos europeos na Galiza─ para emprazar a fábrica de viscosa que o grupo portugués Altri prevé levantar na Galiza coa axuda doutros socios locais, mais a firma lusa vén de anunciar que Palas de Rei será finalmente o lugar escollido para a instalación fabril.

A comarca da Mariña, castigada polos feches de Vestas e Alcoa, que até 2024 terá parada a súa fundición, fica lonxe de consolidar o seu papel como polo industrial de referencia na Galiza e tamén de recolocar parte das centos de persoas que quedaron sen emprego nos últimos meses como consecuencia da crise industrial na que está sumido o país.

Foi o propio conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, o que desvelou esta terza feira o emprazamento da que será a primeira fábrica de fibras téxtiles do país e a segunda de Europa que, segundo os seus cálculos, podería chegar a crear 2.500 empregos, entre directos e indirectos, cun investimento duns 800 millóns de euros. 

A elección deste municipio por encima de "máis de 40 localizacións" alternativas ofrece a Altri unha "tranquilidade" polas súas características en materia de orografía, tipo de chan, recursos hídricos dispoñibles, materias primas, infraestruturas e dispoñibilidade de fontes de enerxía, explicou o directivo da empresa portuguesa.

Soares de Pina fixo este anuncio após manter unha xuntanza en Compostela co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen definiu este proxecto como "probabelmente o máis importante" da candidatura galega aos fondos Next Generation.

A construción da planta arrincará, segundo adiantou o presidente Feixoo, a "finais deste ano" para que "en dous anos ou dous anos e medio" poida empezar a producir fibras téxtiles.

Dependente do eucalipto

De materializarse este proxecto, que depende da asignación dos devanditos fondos Next Generation por parte do Goberno español, a Galiza podería concentrar 3% da produción mundial de fibra sostíbel para a industria téxtil, con Inditex como principal referente no país.

Porén, a celulosa será un elemento chave na súa produción, de aí que Altri escollera Galiza, onde os monocultivos de eucalipto, dos que vai depender en gran medida, inzan boa parte do territorio.

Pola súa parte, a Xunta destacou nun comunicado o papel desenvolvido por Impulsa, a sociedade que se encarga de acelerar a maduración de novos proxectos empresariais tractores, como no caso Altri, "que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor das que poidan saír beneficiadas especialmente as pequenas e medianas empresas galegas".

Comentarios