As nosas extraordinarias aves comúns

Miñato cun merlo nas poutas. (Foto: Ramsés Pérez)
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: miñato

Sen lugar a dúbidas, o miñato ou buxato, é a nosa ave de rapina máis coñecida e recoñecida. Presente durante todo o ano, reprodutora e sempre á vista en postes, árbores e cables da luz desde os que dá caza a ratos, pero tamén a réptiles e insectos ao longo de todo o país e en ambientes moi diferentes como bosques, campos ou montes. Fácil de identificar pola súa silueta en voo de ás redondas, é posíbel confundila, especialmente na primavera e verán, con outras aves de rapina das que falaremos cara ao final do coleccionábel.
A bubela ten preferencia polas zonas abertas, beiras de bosques, parques e cultivos, sendo tamén frecuente perto de granxas. (Foto: Ramsés Pérez)
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: a bubela

A bubela é probabelmente unha das aves estivais máis facilmente recoñecíbeis polas súas cores, voo característico e un canto inconfundíbel que dá orixe ao seu nome. Paxaro insectívoro, é un aliado das labregas e labregos capturando baixo terra co seu peteiro multitude de presas, unha habilidade especial que lle facilita un alimento ao que outras moitas especies non conseguen acceder.
Exemplares de gaivotas. (Foto: Ramsés Pérez)
star
Coleccionábel

As nosas extraordinarias aves comúns: a cotiá gaivota patiamarela

Cos seus mil setecentos quilómetros de costa, a Galiza é un paraíso para as gaivotas. A patiamarela é de todas elas a máis estendida e podemos atopala por todo o litoral pero tamén en vilas e cidades do interior do país. A súa determinación á hora de defender o seu niño tenlle causado conflitos cando convive cos humanos. A pesar do seu número, e aínda que sexa difícil de crer, está en regresión desde hai uns anos.
Para atopar as píllaras das dunas teremos que achegarnos a praias como a da Lanzada (O Grove), Carnota ou Baldaio (Carballo). (Foto: Ramsés Pérez)
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: píllara das dunas

A píllara das dunas non é unha das nosas aves máis cotiás, xa que só está presente nalgunhas zonas do noso litoral, pero considerabamos de interese recollela como representante das limícolas. É unha das nosas aves máis ameazadas con apenas noventa parellas nidificantes en areais moi localizados, aínda que durante o inverno recibimos a visita de exemplares foráneos que veñen pasar o inverno.
A laverca gusta dos campos abertos, ben sexa con cultivos, ermos, herbeiras de tamaño baixo e é habitual tamén nas beiras dos camiños. (Foto: Ramsés Pérez)
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: a locuaz laverca

Quen non ten paseado por un prado na primavera tendo enriba varias lavercas que semellan estar a discutir sobre cuestións referidas ao seu territorio ou asuntos que se escapan ao noso entendemento? Representantes dunha familia que na Galiza inclúe outras tres especies que se denominan aláudidos, as lavercas son as que máis se fan notar e das que seguramente temos maiores referencias na cultura popular. Porén, como sucedeu noutros territorios de Europa, a súa poboación vai a menos. Quen sabe se neses balbordos que escoitamos aló no alto, mentres voan, están a falar do mal que os humanos estamos a provocar no medio ambiente.
Lavanco real (Anas platyrhinchos), da familia dos parrulos. (Foto: Ramsés Pérez)
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: lavanco

Non podía faltar nun repaso ás nosas aves máis comúns unha representación da familia dos patos ou parrulos, lugar que ben merece o lavanco real, anátido amplamente distribuído e asociado a case calquera masa de auga, desde unha pequena poza a grandes encoros ou rías. Contamos na Galiza con lavancos reais residentes pero tamén cunha importante cantidade de exemplares que veñen pasar o inverno de Europa.
O pombo está presente na Galiza durante todo o ano, mais o seu número aumenta considerabelmente durante os meses de inverno. (Foto: Ramsés Pérez)
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: o gran pombo

O pombo é da familia Colúmbidos, na que se inclúen tamén pombas e rulas, o de maior tamaño de Europa, facilmente recoñecíbel pola súa cor gris e as manchas do pescozo brancas e azuis e as bandas transversais brancas das ás ben visíbeis en voo. Aínda que nos parques das vilas e cidades semella unha ave mansa e confiada no medio natural, é tímida e fuxidía, o que non é de estrañar xa que é unha especie cinexética da que cada ano se abaten milleiros de exemplares.
O merlo acompáñanos co seu canto desde finais de inverno ao longo de todo o país. (Foto: Ramsés Pérez)
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: a melodía do merlo

"Eu quixera ser merliño e ter o bico encarnado"... é o comezo da popular canción 'O Sancristán de Coimbra' tantas veces cantada ou cando menos escoitada. Non son poucos os contos dos nosos maiores que narran as saídas á procura de niños dos merlos, e multitude de refráns, ditos e poemas os que levan por protagonista unha das nosas especies máis comúns e recoñecíbeis. Ademais de na cultura, está presente nos campos e hortas das aldeas así como nos xardíns e parques de vilas e cidades. Desde finais de inverno acompáñanos co seu canto ao longo de todo o país.
Macho de lavandeira branca, sen unha pata, cantando.
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: a bulideira lavandeira branca

Movendo a cola nerviosa arriba e abaixo a lavandeira branca percorre ríos e regatos de todo o país e tamén praias, parques de vilas e cidades e mesmo podemos atopalas nas beirarrúas da AP-9 ou de calquera estrada. Unha camiñante incansábel sempre á procura de insectos dos que dá boa conta. Nos medios máis humanizados permítenos achegarnos o suficiente como para estudar as súas características e poder diferencialas das súas dúas parentes, a lavandeira real e a marela das que tamén imos falar.
Exemplar de ferreiro real.
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: ferreiros e ferreiriños

Baixo o nome de ferreiros e ferreiriños temos un conxunto de paxaros de cores vistosas que van do amarelo ao azul e que se fan notar cos seus reclamos. Aínda que son aves forestais, adaptáronse aos hábitats creados polos humanos, sendo visitantes asiduos de parques e xardíns. Son todas elas aves insectívoras que dan boa conta de infinidade de vermes e insectos. Podemos atraelas ás proximidades das nosas casas instalando caixas niño, unha boa maneira de facernos cun insecticida natural, ao tempo que unha alegría para os ollos e a mellor maneira de achegarse á natureza. Imos coñecer o ferreiro real, unha das especies máis espalladas polo noso país que eliximos como representante destas aves coñecidas como páridos.
A diminución da poboación de andoriñas é debida, entre outras causas, ao incremento no uso de produtos insecticidas que reduce as presas.
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: andoriña común

Como recolleu Xaquín Lorenzo Fernández no Cantigueiro Limia Baixa, a andoriña é unha das catro aves que cruzan o mar para vir criar no noso país. A súa chegada de terras afastadas anuncia a primavera e vai encher as casas de sons e alegría. Ben coñecidas nas zonas rurais, adoptaron os humanos como caseiros, e dificilmente imos atopalas aniñando lonxe de calquera infraestrutura que non fora construída por nós. Paxaros ben queridos pola súa locuacidade, voos acrobáticos e por dar boa conta de gran cantidade de insectos, están nun lento declive desde hai anos por varias causas das que aquí falaremos.
A carriza é unha especie polígama. (Foto: Ramsés Pérez).
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: a carriza

A carriza é un paxaro ben curioso, por unha banda é difícil de observar cando anda á procura de comida, polo seu tamaño diminuto e comportamento máis semellante ao dun rato que ao dun paxaro, sempre agochada entre a vexetación baixa. Pero logo non ten vergoña ningunha para facer o niño en lugares ben curiosos como poden ser os petos de prendas de roupa penduradas en calquera pendello. Ao tempo, ten un canto dos máis fortes e potentes das nosas aves comúns que non semella fácil de crer nese corpiño cun peso semellante ao de dous folios A4. Sempre nerviosa e bulideira, acompáñanos na horta ou no xardín permitindo deleitarnos co seu melodioso canto.
Moucho pousado nunha póla seca dun castiñeiro. (Foto: Ramsés Pérez).
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: o moucho

A máis diúrna entre as rapinas nocturnas, representa desde a Grecia clásica a sabenza e a ciencia. Ocupa igualmente un espazo destacado na cultura popular galega, nas cantigas da que son un bo exemplo as recollidas por Xaquín Lorenzo, e que mesmo Rosalía de Castro levou aos seus escritos. A adaptación dos mouchos aos medios agrícolas tradicionais é mostra de como souberon acomodarse aos cambios que paulatinamente os humanos provocamos no medio natural. Pero curiosamente as novas e rápidas mudanzas que se dan nos medios agrarios están a facer que as súas poboacións vaian esmorecendo paseniñamente. 
O veciño paporrubio. (Foto: Ramsés Pérez).
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: o veciño paporrubio

Quen teña sachado algunha vez na horta ou levantado un anaco de terra no xardín sabe perfectamente de quen estamos a falar. Desde unha póla afastada alguén estará observando as nosas tarefas para, pouco a pouco, irse achegando até practicamente meterse no medio dos pés. O paporrubio dará boa conta daqueles invertebrados que quedaron expostos, motivo polo que presta tanta atención ao noso labor igual que faría con calquera porco bravo fozando nun lameiro. Paxaro cantareiro e inconfundíbel, o familiar paporrubio recibe multitude de nomes ao longo de toda a xeografía galega como pisco, paporroxo, paifoco, paporroibo ou peizoque. 
A cor negra é unha constante no corvo, plumaxe, patas e peteiro.
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: corvo pequeno

Nalgúns contos populares os corvos sobresaen pola súa astucia e intelixencia, sendo capaces de enganar mesmo a outros animais tan pícaros como a raposa. Feito que veñen de confirmar estudos científicos que se están a realizar na actualidade. Xunto coa pega é das especies máis abundantes da familia dos córvidos, estando ben espallados por todo o país desde a beira do mar até os curutos máis altos. Fácil de identificar polo seu tamaño, cor e voz inconfundible, o corvo pequeno ten unha vida social complexa e con moitos aspectos aínda por estudar dos que imos descubrir algún, como o curioso xeito de sacar adiante á súa prole.
Un macho de pardal común ('Passer domesticus') nunhas silveiras esperando por comida.
star
SOCIAL

As nosas extraordinarias aves comúns: Pardal común, o paxaro da casa

Se hai unha ave, un paxaro asociado aos humanos ese é o pardal común, nas aldeas, vilas e cidades, os seus chíos dan vida e alegría ás persoas e a súa omnipresencia, abundancia e doada observación, fan que sexan unha especie idónea para achegarnos ao mundo das aves. Unha vez recoñecidos os pardais, podemos aventurarnos a identificar outras especies semellantes, comparando o seu tamaño, comportamento, voo ou as súas cores. Porén, os pardais están en declive en moitos lugares de Europa, o que debería ser unha chamada de atención sobre a pegada que os seres humanos estamos a provocar no medio ambiente.
Ramsés Pérez é autor do coleccionábel de aves. (Foto: Nós Diario)
SOCIAL

Ramsés Pérez: "Unha contorna mala para as aves tamén o é para nós"

Durante todo o mes de abril, de terzas a sextas feiras, as persoas lectoras de 'Nós Diario' poderán desfrutar do coleccionábel 'As nosas extraordinarias aves comúns', da autoría de Ramsés Pérez. Conversamos co autor sobre a riqueza de aves que ten a Galiza e o estado de saúde das poboacións ornitolóxicas do país.