Os traballadores de Alcoa esixen en Lugo ás Administracións que movan ficha

Os traballadores de Alcoa presentan na Subdelegación do Goberno español un escrito solicitando a intervención formal da planta de aluminio primario de San Cibrao.
Manifestación dos traballadores de Alcoa en Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación dos traballadores de Alcoa en Lugo (Foto: Nós Diario).

Milleiros de persoas, unhas 5.000 segundo o comité de empresa, marcharon este sábado polas rúas de Lugo nunha protesta para esixir as Administracións solucións ao conflito de Alcoa. Os traballadores da planta de San Cibrao (Cervo) volveron urxir "solucións" tanto á Xunta como ao Goberno español fronte ao expediente regulador de emprego (ERE) presentado pola multinacional que afecta a 524 empregados da planta de aluminio primario.

"Foi unha manifestación como poucas se viron en Lugo", asegurou o presidente do comité, José Antonio Zan. Os operarios da fábrica, ataviados con mono, casco, máscara e o xa tradicional chaleco amarelo coa inscrición 'Peche non', quixeron lanzar este sábado unha clara mensaxe "ás dúas autoridades": "Son eles, Xunta e Goberno español, os que teñen a posibilidade de dar unha solución e os que teñen que facer algo".

Neste senso, Zan lembrou que hai medio millar de persoas que están "a piques de irse á súa casa", sen contar co persoal das auxiliares. Con respecto á actuación das administracións neste conflito, o presidente do comité de empresa recoñeceu que "lle gusta como soa a música", pero matizou: "Queremos ver a partitura por escrito".

A multitudinaria protesta deste sábado partiu desde o edificio multiusos da Xunta en Lugo até a Subdelegación do Goberno español, onde se presentou unha solicitude formal para unha intervención da planta por parte do Estado.

Aposta na intervención

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen tamén participou na marcha por Lugo, instou aos gobernos estatal e autonómico a dar "pasos concretos" para efectivizar a intervención pública da fábrica. "Que a produción do aluminio primario continúe é unha decisión política para a que até agora, a pesar dos pronunciamentos a favor aprobados no Congreso español e no Parlamento galego, non se puxeron en marcha aínda os mecanismos xurídicos oportunos", denunciou.

Ademais, Carril lamentou que o Estado español "aínda non confirme" a data da próxima reunión da mesa multilateral solicitada polos sindicatos de cara á vista no TSXG da próxima cuarta feira e preguntouse "que máis ten que pasar" para que o Executivo estatal "actúe no sentido que lle está reclamando o conxunto da comarca da Mariña" desde a presentación do ERE.

Á protesta deste sábado tamén acudiu o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entre outros cargos da formación, para mostrar o seu "apoio" aos traballadores, porque teñen que "manter con absoluta firmeza" esta loita. "Nós sempre dixemos que os intereses dunha multinacional norteamericana non poden estar por enriba do interese colectivo do pobo galego e dos veciños da Mariña, especialmente dos traballadores", expresou, en declaracións aos medios.

O deputado nacionalista avanzou que o Bloque continuará esixindo "cada vez con máis firmeza" a Xunta e Goberno estatal que "actúen con maior decisión", aínda que sexa cunha "intervención pública temporal" para logo vender a planta "a Liberty House ou a calquera empresa que garanta un proxecto industrial de futuro na comarca". "Non podemos fiar a solución disto a unha resolución xudicial. Ten que ser unha solución política das administracións competentes", incidiu Rego.

PSdeG denuncia chantaxe

Así mesmo, participou na mobilización o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, quen advertiu que os socialistas estarán enfronte da "chantaxe" de Alcoa por quererse "ir de rositas tras recibir cantidades inxentes, millonarias, por parte do Goberno". Así, afirmou que o Estado español "está a facer todo o posible" para manter a actividade e os postos de traballo en San Cibrao. "Todo está enriba da mesa, todo é posible e o Goberno está a mirar e non descartando ningunha das posibilidades", recalcou.

Tamén se referiu á situación do Alcoa este sábado o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, que insistiu en que o Goberno español “está disposto a incorporar de forma temporal á SEPI para que entre o investidor (Liberty) e se manteña o emprego e a produción de aluminio en San Cibrao”.

Así as cousas, Caballero apelou a continuar "con toda a presión" para conseguir "medidas cautelares que impidan que se paren as cubas" como quere Alcoa, á que acusa de ter "un comportamento indecente, desleal e que ten como único obxectivo pechar a fábrica e eliminar competencia". 

Comentarios