venres 30/10/20

O comité de Alcoa urxe a intervención e "non permitir" a "vergoña" de "chegar aos tribunais"

Lembran ás administracións que “teén que deixar de dicir moi boas palabras e pasar aos feitos”.

Persoal de Alcoa San Cibrao, mobilízase para impedir o feche das cubas (Europa Press)
Persoal de Alcoa San Cibrao, mobilízase para impedir o feche das cubas (Europa Press)

O presidente do comité de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, volveu a exixir a intervención "inmediata" da fábrica da multinacional norteamericana na Mariña para "non permitir que isto chegue aos tribunais" e que sexa unha "vergoña para o país".

Así se expresou en declaracións este sábado, durante a visita de Rafael Mayoral, deputado no Congreso de Unidas Podemos, que mostrou o seu apoio ao persoal da factoría.

Zan lembra que a Xunta e o Goberno español comprometéronse co cadro de persoal e agora "teñen que deixar de dicir moi boas palabras e pasar aos feitos". Afirma que "é moi fácil falar, mais agora fan falta os documentos escritos e asinados, unha vez teñamos iso deixaremos a mobilización", engade.

A impugnación que pide a Xunta

Preguntado sobre a próxima impugnación do comité polo despedimento colectivo de 524 empregadas e empregados, e a petición de medidas cautelares para que non se paren as cubas, Zan emprazou a que se faga unha intervención "aínda que sexa temporalmente, por unha hora para pasar a outra empresa".

Este domingo o persoal de Alcoa en San Cibrao realizará unha marcha co alumnado de institutos da Mariña, mentres continuarán coas súas mobilizacións. Resalta que o "exercicio de responsabilidade que está a facer o cadro é incríbel".

"E agora esperamos que os gobernos da Xunta e do Goberno teñan esa mesma responsabilidade que teñen os traballadores e acometan o que teñen que facer, que é unha intervención inmediata e non permitir que isto chegue aos tribunais", sostén.

Zan engade que Liberty House está interesada en investir 1.000 millóns na fábrica, polo que non se pode permitir desperdicialos polos "caprichos" dunha multinacional. Censura que "o que non pode ser é que quen estea a defender a industria deste país sexan os obreiros, e os gobernos que teñen que defendela estean a mirar para o teito ou vendo como unha multinacional lles pasa por riba".

Por iso, pregunta ás administracións se se quere facer aluminio primario no Estado español ou "traer de Arabia Saudita", xa que observa cuestións "estrañas" pola vinculación entre Alcoa e Arabia Saudita.

comentarios