venres 30/10/20

Alcoa sentenza San Cibrao

Alcoa non se molestou nin en esgotar o tempo que a lei lle permitía agardar para resolver o despedimento colectivo anunciado o pasado 29 de setembro. A multinacional norteamericana segue adiante co seu plan para fechar a factoría de aluminio primario, deixar sen emprego 524 persoas e condenar toda a comarca da Mariña. Agora Xunta e Industria deben mover ficha.
O feche de Alcoa supón a morte da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O feche de Alcoa supón a morte da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Non por previsíbel é menos doloroso. Alcoa certificou os peores presaxios e cumpriu con man de ferro as súas ameazas, que pasan polo despedimento de 524 traballadores da factoría de aluminio primario de San Cibrao (Cervo) e a parada progresiva das cubas, unha medida que, como advertiron desde o comité de empresa en varias ocasións, supón sentenciar a fábrica

Alcoa afirma que toma esta medida "após analizar todas as opcións posíbeis", mais faino cunha "actitude insensíbel", como denuncian os traballadores, e sen esgotar o prazo de 15 días que marca a lei a respecto da aplicación do despedimento colectivo que puxera sobre a mesa o pasado 29 de setembro, o día despois de que rematara un período de consultas marcado pola súa "mala fe" á hora de negociar unha saída que garantise a continuidade da actividade na planta e do emprego nunhas instalacións vitais para a comarca, para Galiza e para o Estado español. 

"A desafortunada realidade é que a planta de aluminio de San Cibrao non é competitiva e non prevemos que cambien os seus importantes problemas estruturais", xustificaba o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey, en referencia á ausencia dun marco enerxético competitivo, á sobrecapacidade mundial na produción de aluminio e á conseguinte caída do prezo no mercado internacional.

Parada das cubas

Como explicou a empresa nun comunicado, os seus plans para o desmantelamento da fábrica pasan pola "hibernación ordenada das cubas", un proceso que estiman que conclúa no primeiro trimestre de 2021, o despedimento de 324 traballadores e o mantemento de 99 empregados para unha parte da fundición. A refinaría de alúmina, que non estaba incluída no proceso de consultas, apuntan desde a empresa, continuará operando.

O golpe xa está dado. Queda por ver cales van ser as medidas a tomar. Polo de pronto, o comité de empresa e todos os sindicatos con representación adiantan que van solicitar a medida cautelarísima para que a Xustiza paralice o despedimento, ao tempo que anuncian "accións moi contundentes" a partir do domingo co obxectivo de que, de agora e até 31 de marzo, "non se toque nin unha cuba". "Esperamos que estes próximos días a Xunta e o Goberno español se movan, pero non imos baixar os brazos", avisou o seu presidente, José Antonio Zan.

O momento de intervir

No comité contan con que a semana que vén o xuíz teña tomada a decisión sobre ese tema,  pero Zan confía en que, antes diso, a Xunta e o Executivo español "se deixen de palabras" e pasen "aos feitos" coa intervención da planta. O presidente do comité aludiu a unha xuntanza que se produciu a pasada quinta feira na que se dixo que "estaba todo disposto para a expropiación". "Hoxe é o día. Se queren facer algo, téñeno que facer xa. As próximas horas e os próximos días son fundamentais", remarcou.

Na mesma liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, incidiu na necesidade de que o Goberno español e a Xunta "reaccionen" e camiñen "sen perder máis tempo" na vía da intervención pública, que "vai ser a única para evitar que se paren as cubas e se eviten os despidos", afirmou. 

Neste senso, explicou a Nós Diario que a da expropiación "é unha saída máis que fundamentada" para salvar a factoría, e insiste en que os gobernos "teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional".

Mais as da CIG e o comité de empresa non foron as únicas voces que reclamaron unha intervención inmediata. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou as Administracións implicadas a "non perder un minuto máis" e proceder á intervención da factoría.

"Necesitamos un Goberno que non se dobregue ante os intereses desta multinacional e que defenda o interese xeral", sinalou a líder nacionalista. "Sería unha irresponsabilidade imperdoábel que PP e PSOE permitisen o feche desta fábrica", aseverou Pontón, quen engadiu que, ante a inexistencia de impedimentos legais, "só fai falta vontade política" para tomar unha decisión que permita "manter o emprego e a actividade industrial".

Conflito innecesario

Até o momento, nin os populares na Xunta nin os socialistas e Podemos no Goberno español, recolleron as suxestións de comité, sindicatos e outros partidos políticos, como o PSdeG, sobre a intervención. 

Após coñecerse as intencións de Alcoa, o Ministerio de Industria que lidera Reyes Maroto limitouse a emitir un comunicado no que acusa a dirección da multinacional de "empuxar" traballadores e Administracións a un conflito innecesario, "xa que había solucións para alcanzar un acordo de compra-venda", sinala o departamento ministerial, que reitera o seu malestar "polo feito de que Alcoa abandonase a negociación non respondendo á proposta do Goberno español de que sexa a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) a que actuase de intermediaria para a venda da planta a Liberty House".

Tamén afirma nese comunicado que se compromete a "traballar para lograr unha solución" que non acaba de concretar para manter o emprego na factoría.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, avogou por "pedir medidas cautelares para que a compañía non feche en ningún caso e non desactive as cubas, porque reorientar e realimentar as cubas é custosísimo e faría imposíbel que a industria seguise funcionando", advertiu.

Nesta liña, indicou que Alcoa "ten que transferir esa fábrica a un operador que a queira operar" ─en alusión a Liberty House─. "Se se quere ir (Alcoa) está no seu dereito, agora, o que non pode pretender é que a política de aluminio no Estado español a decida unha multinacional, sexa cal for esa multinacional", concluíu.

Moito en xogo

Desde o comité emprazan Feixoo "a que cumpra a súa palabra e inmediatamente solicite ao Goberno español a intervención", mais este teima na venda.

Como explicou o seu presidente, José Antonio Zan, as implicacións do fechamento da factoría van máis aló do impacto no emprego, no comercio e na economía da zona, á que Alcoa contribúe de forma substancial.

Con esta decisión, o Estado español perdería a súa única fábrica de aluminio primario que subministra material a sectores "esenciais" como o farmacéutico ou potabilizadoras. Neste senso,  Zan denunciou que Alcoa "mesmo retivo camións para que non viñesen cargar", cuestión "que deixa bastante que desexar" da empresa. Os traballadores, pola súa parte, afirma que están a deixar saír este material.

comentarios