Os sindicatos piden ao novo Executivo galego medidas para mellorar o mercado laboral

As organizacións do agro solicitan ao Goberno de Alfonso Rueda traballar para conseguir "prezos xustos".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o novo conselleiro de Emprego, José González (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o novo conselleiro de Emprego, José González (Foto: Xunta da Galiza).

A CIG, CCOO e UXT puxeron esta segunda feira diferentes deberes ao novo conselleiro de Emprego, José González, que van desde impulsar un plan de recuperación económica, pasando por mellorar taxas de ocupación e actividade, así como modernizar o servizo público de emprego.

A central sindical nacionalista afirmou que "é indiferente quen estea á fronte" da Consellaría de Emprego, "porque iso non vai significar cambio algún das políticas que o PP veu desenvolvendo ao longo de todos estes anos".

O sindicato nacionalista apuntou que as prioridades para o novo Goberno deberían ser: un plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos; a aprobación de medidas que dignifiquen a vida de persoas maiores (coa creación dun sistema público galego de atención), un marco galego de relacións laborais "que garanta o dereito á negociación colectiva" e que "se impida a mercantilización da saúde das persoas ante a pretensión de transferir ás mutuas as competencias do Sergas [Servizo Galego de Saúde]".

Pola súa parte, CCOO pediu actuar para pór o emprego "no centro", posto que a Galiza sofre "sempre" unha evolución "diferente e retardada" ao conxunto do Estado español. Así mesmo, tamén demandou "modernizar" o servizo público de emprego para adaptarse a "novas realidades" e sectores produtivos.

Mentres tanto, UXT remarcou a necesidade de recuperar os niveis de emprego de 2008; aumentar indicadores de salario real e renda por habitante; mellorar taxas de actividade e ocupación -"unha das comunidades con peores indicadores"-, reducir que 74% do emprego parcial afecte a mulleres e rebaixar a sinistralidade laboral.

Demandas do agro

Ademais, a través de senllas declaracións, o Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA) demandaron á nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desenvolver medidas para conseguir "prezos xustos", eliminar burocracia e mellorar os servizos públicos, entre outras cuestións que afectan o sector agrario.

Comentarios