martes 20/10/20

450 empregos nas auxiliares pendentes do que faga Alcoa

Alcoa pensa deixar na rúa 524 traballadores da súa planta de aluminio primario en Cervo, unha cifra que superaría o millar se se ten en conta o persoal que desenvolve a súa actividade nas empresas auxiliares, unhas 450 persoas, que agardan con incerteza calquera novo movemento. 
Manifestación das auxiliares en Viveiro (Nós Diario)
Manifestación das auxiliares en Viveiro (Nós Diario)

Centos de familias viven na Mariña coa inquedanza do que vai acontecer coa planta de aluminio primario que a multinacional norteamericana Alcoa ten no concello de Cervo. A firma xa anunciou o despedimento de 524 traballadores. Fíxoo antes de que rematara o prazo legal para decidir sobre o despedimento colectivo e que vencía no día de hoxe. 

A vía da intervención semella afastada, e máis despois de que a Xunta e o Goberno español non apostasen con firmeza por ela após coñecer a decisión de Alcoa. Retomar as negociacións con Liberty parece ser a única saída, non só para os traballadores de San Cibrao, senón tamén para os preto de medio millar de persoas das auxiliares que dependen da multinacional.

Kike Rocha, portavoz da coordinadora de persoal das auxiliares de Alcoa, explica a Nós Diario que estas empresas son altamente dependentes da actividade das plantas de aluminio e alúmina. "99% das auxiliares viven da planta. Algunhas delas teñen traballo fóra da factoría, pero a maioría depende da actividade de San Cibrao". 

Son preto dunha vintena, cunha media de idade que ronda os 40 anos. Dez delas prestan servizo unicamente á planta de aluminio primario. "Son as que están ameazadas de desaparición", comenta Rocha, "e hainas de todo tipo, desde limpeza e obra civil, até mantemento eléctrico, mecánico, soldadores, montadores de andamio, caldeireiros..."

Os traballadores e as traballadoras destas empresas están á espera de ver que noticias chegan desde Alcoa. "De momento non deu pasos para rescindir contratos coas auxiliares, polo que non temos data de cando seremos despedidos", lamenta o portavoz. 

"Dez empresas estarán entón abocadas ao feche, coa conseguinte destrución de empregos, e outras, que non sabemos se terán viabilidade, farán despidos e ERE até chegar á desaparición", advirte Rocha. "Seremos en total mil traballadores e traballadoras que non teremos onde recolocarnos, aos que haberá que sumar todo o emprego que vai arrastrar en tendas e servizos arredor da factoría", apunta.  

Traballos eliminados

Alcoa, como denuncian os traballadores da factoría, xa tiña a decisión tomada de antemán. Boa proba diso é o feito de que, xa desde comezos de ano, deixou de investir en traballos que se viñan facendo de maneira puntual, como rozas na contorna da factoría e cortes de xardín. "Eran traballos que facían empresas auxiliares e que este ano xa non sacaron a licitación", indica Rocha.

En Cyrgasa, outra das auxiliares, 12 persoas están en ERTE desde o mes de maio. É unha empresa cun cadro de persoal de 96 traballadores das que 16 traballan para a planta de aluminio primario "ao 100% do horario", sinala Diego Fernández, un dos seus traballadores. 

Como recoñece a este medio, "nós, a priori, seguiríamos como empresa, mais con compañeiros e compañeiras despedidos", xa que, segundo explica, o da factoría de aluminio primario é un contrato "moi apetecíbel" que representa entre 30 e 40% da facturación total da compañía.

A perda deste contrato, que se centra na reparación das cubas que agora Alcoa pretende parar, pode afectar a outros negocios da empresa, como o de obra civil que "traballan para varios departamentos de Alcoa sen estar vinculados a un en concreto". 

Respecto do futuro do persoal das auxiliares, Diego Fernández ve moi complicado que poida seguir ligado á Galiza. "Quitando mantemento eléctrico, o resto vai ser moi difícil que atopen traballo aquí, xa que son traballos moi específicos na planta", relata. "O impacto social é bestial porque non hai unha empresa como esta ou similar para asumir o volume de emprego que xera", engade. 

Nunha situación semellante está Juan Carlos Villar, 'Villi', que traballa en Montaxes Rodabell. Recoñece que o futuro "é moi incerto". A súa empresa, que se encarga do mantemento da planta de electrólise e da fundición, é das que menos depende de Alcoa, xa que ten contratos fóra. Aínda así, "a dependencia da planta de aluminio é alta", con 30% do persoal asociado á mesma, por sete traballadores na de alúmina. "Se Alcoa fecha marcharía á rúa moita xente. En meses o paro vai ser criminal e apenas hai industria no país. A recolocación é imposíbel. A xente tería que emigrar e buscar todo tipo de traballos", denuncia Villar.

A venda como saída

A emigración parece ser a única saída no caso de que Alcoa siga adiante co seu plan de fechar a planta de aluminio primario, mais nas auxiliares aínda confían en que poida haber outra solución, que non sería outra que a venda a Liberty House. 

"Vexo máis factíbel a venda que a intervención, após o anuncio do ERE e os movementos políticos de Xunta e do Estado español, que se puxeron de perfil. Parece que non vai haber intervención xa que eles din que non é fácil, pero o que pasa é que falla vontade política", afirma Diego Fernández, para quen "o único" aliado que lles queda é Liberty. "Ten un plan industrial, vén xerar postos de traballo e con futuro para a factoría. Se ademais colle parte da refinaría de alúmina, fecharía o círculo, o que lle permitiría mandar moitísima alúmina ás súas plantas de Reino Unido".

Namentres a solución non chega, desde a plataforma de auxiliares seguen a loitar para ser tidas en conta."Alcoa deixou moi clara a súa postura e non se sente responsábel dos postos de traballo que destrúa nas auxiliares", sinala Rocha. "A Xunta e o Estado español son coñecedores da problemática no conglomerado de empresas que hai arredor da factoría, e tamén o posíbel comprador, con quen tivemos conversas". "Se Alcoa fecha tamén nos queda a vía xudicial para que se faga responsábel dos nosos empregos, pero non é o primordial. O principal é manter os postos de traballo e a produción, e iso pasa pola venda ou a intervención", conclúe.

comentarios