A vista para abordar a paralización do ERE de Alcoa será o 28 de outubro

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantén a intervención da factoría de San Cibrao como último recurso.
Sede do TSXG, na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera Sede do TSXG na Coruña (Foto: Xoán Roberes)

Os traballadores de Alcoa siguen na loita por evitar o despedimento de 524 persoas da planta de aluminio primario. Esta segunda feira, 19 de outubro, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anunciou que a vista para estudar a medida cautelar contra o ERE de Alcoa terá lugar o vindeiro día 28 deste mes na Coruña.

As centrais sindicais CIG, CCOO e UXT informan de que, xunto ao comité de empresa, pretenden impedir con estas medidas cautelares que a multinacional inicie a parada das cubas de electrólises. "Permitir que Alcoa comece co apagado das cubas suporía un dano irreversíbel nas capacidades produtivas da fábrica de San Cibrao (Cervo) e lastraría calquera posíbel saída para garantir a continuidade dos empregos e da produción", advirten.

Entre esas saídas, os traballadores seguen agardando pola intervención, mais na Xunta parece que non é a prioridade. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, manifestou que apoiará a intervención da planta de San Cibrao (Cervo) "se chegado o momento ese é o camiño".

Varias opcións

O titular de Economía dixo que están a traballar desde o ámbito laboral; o administrativo e o xurídico co obxectivo de identificar "calquera mecanismo que permita garantir que Alcoa poida transferir a planta a un operador como Liberty".

No caso da vía xurídica, sinalou que se está analizando o "ordenamento nacional e comunitario". "Non hai esgotada ningunha iniciativa nin por parte do Goberno español nin da Xunta da Galiza", insistiu Conde para admitir que, neste contexto, "en último termo poderíase dar a intervención".

"Se chegado o momento ese é o camiño, nós apoiaremos esa intervención", expuxo o conselleiro quen, antes, remarcou que hai "pasos intermedios que hai que dar e esgotar". "Para abrir unha xanela de colaboración con Alcoa e identificar a transferencia da planta a través dun acordo entre as partes".

Comentarios