A SEPI, chamada a consolidar un gran polo industrial no noroeste peninsular

O Estado español podería tomar participacións de empresas estratéxicas como Alcoa e Alu Ibérica, parte da antiga Inespal; Duro Felguera e sumalas ás que xa ten en Navantia. 
Sede da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).
photo_camera Sede da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

A crise da Covid-19 e a difícil situación que están a atravesar moitas industrias concedeulle un papel protagonista á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que está chamada a garantir a continuidade das empresas estratéxicas. 

No caso da Galiza, a entidade pública é titular dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, que contan desde a semana pasada cunha nova presidenta, a cuarta en catro anos, que terá por diante a misión de desenvolver o plan estratéxico da compañía, que inclúe, entre outras cuestións, a modernización das instalacións galegas para facelas máis competitivas.  

Mais a SEPI leva días en boca da clase política tanto galega como estatal, e máis desde que saíu á luz a proposta feita polo Ministerio de Industria para facerse coa planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo, após fracasar as negociacións de venda entre a empresa norteamericana e Liberty House.

Esa operación non está totalmente desbotada. De feito, Liberty segue adiante cos seus plans na Galiza á marxe de Alcoa. A firma norteamericana, pola súa banda, non parece estar polo labor de facilitar a entrada dun competidor no país, de aí que a vía da intervención pública colla cada vez máis forza. 

Onte mesmo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aseguraba, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que apostarían pola intervención, mais despois de esgotar outras vías, como a legal, no caso de que certifiquen incumprimentos por parte de Alcoa en materia laboral ou medioambiental, suposto no que o Goberno español xa avisou de que exixiría a devolución das axudas públicas percibidas. 

Xunta e Goberno español falan abertamente de intervención, unha manobra que se faría a través da SEPI e que daría pé a que ambas as administracións participasen no consello de administración dunha empresa estratéxica pola súa actividade, mais tamén pola relevancia que ten na economía da comarca da Mariña e de toda a Galiza.

A SEPI tería, pois, participacións nun estaleiro público e nunha planta de aluminio primario. Mais a cousa podería non quedar aí. Desde A Coruña e Avilés, os traballadores e traballadoras de Alu Ibérica, levan semanas exixindo tamén a intervención destas plantas ante unha situación que consideran crítica. Se se producise, a SEPI faría rexurdir unha parte da antiga Inespal, sociedade pública adquirida por Alcoa en 1998.

Tamén na veciña Asturias, a SEPI está a piques de entrar no capital doutra importante sociedade industrial. Duro Felguera, con sede en Xixón e especializada en proxectos de enxeñaría para a industria e produción de bens de equipo. Neste caso, a entrada da entidade pública viría xustificada pola difícil situación financeira que atravesa a compañía, que conta cun cadro de persoal de máis dun milleiro de traballadoras, e que lle levou a solicitar axuda do fondo de rescate de empresas estratéxicas impulsado polo Goberno español pola crise da Covid-19. 

Con estas participacións, a SEPI sería un novo xigante industrial no noroeste peninsular.

Comentarios