Crónica parlamentaria

Rueda rexeita un maior autogoberno da Galiza para non "fomentar desigualdades"

Ana Pontón critica que o presidente galego "siga o camiño do centralismo".
rueda pontón álvarez
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda; a líder do BNG, Ana Pontón, e o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez. (Fotos: Arxina)

En materia de ampliar o autogoberno e reivindicar para a Galiza novas competencias, o presidente galego, Alfonso Rueda, semella non estar polo labor. Así o expresou esta cuarta feira, durante a primeira sesión de control do novo curso político no Parlamento galego, ante a interpelación da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre que ía facer o Goberno galego nun escenario político estatal no que actualmente hai sobre a mesa dous debates "de tremenda importancia para a Galiza": o modelo de financiamento e o modelo territorial.

Para o titular da Xunta, o importante é non desmarcarse do pelotón autonómico: "Para fomentar desigualdades non conten connosco", afirmou, defendendo un autogoberno que teña como alfa e omega "a solidariedade entre as autonomías". Rueda afirmou que "a Galiza non é unha nación sen Estado" mais si, concedeu, "unha das nacionalidades históricas máis importantes de España" —hai tres segundo a Constitución—.

Pontón lamentou que o presidente da Galiza optara no debate entre "autogoberno e centralismo" polo segundo. A líder da oposición convidou o presidente a se sumar a tres propostas para situar a posición da Galiza no debate financeiro e territorial que está aberto no Estado: desbloquear a comisión parlamentaria sobre o modelo de financiamento, reclamar as competencias pendentes recollidas no Estatuto e lograr para a Galiza un "novo status para avanzar no autogoberno".

Para Alfonso Rueda, estes debates fan parte dos "topicazos de sempre" do nacionalismo: "España róubanos", "independencia", "illarnos"... e reprochou a Pontón que o BNG non se reunise, "aínda que fose por educación", co partido "que gañou as eleccións estatais, o PP". 

"Hai que ser moi marciano para pensar que o BNG pode pactar co PP", respondeu a líder nacionalista, que ás críticas do Partido Popular de "non apoiar un galego como Núñez Feixoo" indicou que "tamén Franco era galego e non o apoiamos".

Inicio de curso e recortes

O portavoz do PSdeG na Cámara galega, Luís Álvarez, centrou a súa intervención na sesión de control no inicio do curso escolar, "marcado por unha realidade que nin a maquinaria de propaganda [da Xunta] é quen de ocultar". Álvarez reprochou o feche de unidades, a fin da gratuidade nos libros, os recortes destes anos que derivan en menos profesorado e altas ratios de alumnado por aula ou no alargamento da "fenda entre o ensino no rural e na cidade". "O sistema educativo galego non é mal sistema", afirmou, "mais precisa melloras e vostedes non as fan". Para Álvarez, estes anos de Gobernos do PP implicaron "recortar, recortar e recortar dereitos e posibilidades para todos".

"Non imos volver atrás", respondeu Rueda, contundente, sobre recuperar a gratuidade dos libros. O presidente cualificou o discurso do socialista de "catastrofista", defendeu que a Galiza estaba nuns niveis educativos mellores que a media do Estado e anunciou unha próxima oferta de emprego "para seguir estabilizando o profesorado". Como exemplo da 'excelencia' do ensino galego, Alfonso Rueda recorreu a un argumento ao seu entender irrefutábel: "A raíña Leticia veu a Oroso, na Galiza, a inaugurar o curso escolar".

A "calculadora" electoral e a falla de candidato

En principio, aínda faltan meses para as eleccións galegas de 2024, mais estes comicios xa están asentados no debate político actual. Tamén esta cuarta feira, durante a sesión de control, non faltaron referencias a unha cita coas urnas para a que abondan as quinielas sobre cando será a súa data definitiva. Rueda aproveitou para intentar furgar na ferida do PSdeG pola suspensión do proceso de primarias ordenado por Ferraz: "Se convoco mañá eleccións non teñen vostedes nin candidato".

Luís Álvarez reprochou ao presidente que, en pleno debate sobre as dificultades no ensino, coase esas afirmacións. "É unha falta de respecto ás familias", díxolle. Ana Pontón acusou Rueda de en vez de se "preocupar" polos problemas da Galiza, estar "calculadora en man" botando contas de cando lle convén convocar os comicios galegos.

Comentarios