CONTRACULTURA

Tereixa Constenla: "A historia sobre o 25 de Abril vai máis aló do que poden contar os xefes de Estado"

A xornalista e escritora Tereixa Constenla (Arca, A Estrada, 1968) presentou onte, convidada polo Ateneo de Santiago, Abril é un país. Os heroísmos descoñecidos da revolución dos caraveis (Ágora K, Kalandraka), un traballo minucioso que une a investigación documental con entrevistas e que foi publicado para conmemorar os 50 anos do día que rematou co réxime ditatorial.

A escritora e xornalista Carlota Álvarez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora e xornalista Carlota Álvarez. (Foto: Nós Diario)

-Por que quixo escribir arredor desta historia?
Hai dúas forzas detrás deste libro: a admiración e a infinita curiosidade polo que fixeron os portugueses hai 50 anos. Aos poucos días de chegar eu a Lisboa, en xullo de 2021, morreu Otelo Nuno Romão Saraiva de Carvalho, quen fora o cerebro do plan operativo do golpe militar. Hai un debate moi interesante na prensa, nos movementos políticos e na sociedade en xeral sobre que tipo de homenaxe merecía, posto que se recoñecía o papel que tivera, mais tamén era polémico, dado que tempo despois as súas teorías políticas alentaron as Forças Populares 25 de Abril, un grupo terrorista responsábel de varias mortes e que provocou que o propio Otelo fora condenado a 15 anos de prisión e, despois, amnistiado.

Isto desatou unha onda de rescate histórico da memoria e eu empecei a descubrir algunhas personalidades que me eran descoñecidas, como o capitán Fernando José Salgueiro Maia, que, tanto para min como para o pobo portugués, é o heroe máis impecábel desta historia. Coñecer a súa figura foi o desencadeante para espertar o desexo de saber máis.

Descubrín que había infinidade de persoas que aquel día tiveron un protagonismo moi importante, ou que o tiveran antes, porque tampouco quixen esquecer a todos os loitadores que estiveron traballando para botar abaixo a ditadura, a pesar de non conseguilo.

-Sendo o 25 de abril unha data tan analizada, o libro permite achegarnos ás persoas involucradas na revolución.
Eu penso que é un libro sobre un heroísmo coral. O heroísmo de homes e mulleres que desde os seus eidos traballaron para derrubar a ditadura. 

Tamén para acabar co imperialismo anacrónico que facía de Portugal un país illado e repudiado internacionalmente, sendo dos poucos que aínda mantiña esta ficción do antigo imperio.

Arredor do 25 de abril hai moitas historias e moi emocionantes e, ás veces, a macrohistoria esquécese da microhistoria. A microhistoria é a que protagoniza un cabo como José Alves da Costa, que non dispara contra os seus compañeiros cando lle dan a orde.

Tamén a vida de Conceiçao Matos, militante comunista na clandestinidade. Ela foi detida e torturada, salvaxemente e en numerosas ocasións, pola policía política nos anos 60, e non delatou os seus camaradas. A día de hoxe, arrastra secuelas físicas moi importantes, mais o seu foi un exercicio de heroísmo tan grande como o do cabo Costa ou o capitán Maia.

-Que salienta despois de realizar toda esta investigación?
A historia son máis cousas que o que poden contar os xefes de Estado ou os líderes dos movementos. En especial, no caso portugués, obviamente é un golpe militar, pero inmediatamente é o pobo o que sae a rúa. É o pobo o que converte o golpe de estado nunha revolución, o que conquista as liberdades na rúa antes que se reflictan nas leis. E, nese sentido, facendo este traballo, fascinoume moito toda a parte anterior á revolución, os antecedentes. Eu non sabía practicamente nada e pareceume moi impresionante todo o acontecido nas tres guerras coloniais en África e a loita dos resistentes políticos, estudantís e sindicais, incluso dentro da Igrexa.

Comentarios