Entrevista

Olaia Duarte (EH Bildu): "Hai que abordar con valentía a cuestión territorial"

Olaia Duarte (Beasain,1988) é concelleira de EH Bildu en Donostia e senadora desta formación. Hoxe participa no congreso organizado por Vía Galega en Compostela cunha palestra sobre o dereito de autodeterminación na UE.

1561034262
photo_camera Olaia Duarte participa hoxe en Compostela nunhas xornadas de Vía Galega. (Foto:Nós Diario).

—Veñen de mellorar os resultados nos dous últimos procesos electorais. En que momento se atopa o nacionalismo vasco?
Atopámonos nun momento doce. Os resultados de EH Bildu tanto nos comicios locais do 28 de maio, como nas eleccións xerais do 23 de xullo reflicten un cambio de ciclo político e social en Euskal Herria que veu para quedar. A cidadanía vasca entende que os maiores avances sociais da última lexislatura lográronse grazas á forza determinante do soberanismo de esquerdas vasco e catalán, e premiou nas urnas a nosa coherencia e capacidade de negociación para dar resposta aos seus problemas diarios.

—Tras aumentar a súa representación nas Cortes do Estado, como enfrontan esta lexislatura e cales son os retos que se marcan para a mesma?
Estamos ante unha oportunidade histórica que debemos aproveitar. Os soberanistas vascos, cataláns e galegos somos máis determinantes que nunca e utilizaremos esa forza para defender os dereitos da maioría social traballadora, superar o esgotado marco actual e avanzar cara a maiores cotas de soberanía.

É o momento de recoñecer a plurinacionalidade, acabar coa xudicialización dos conflitos políticos e abrir portas para que as nacións sen Estado poidan decidir o seu futuro. Se PSOE e Sumar queren gobernar, non teñen outra opción que entenderse e atender as demandas do independentismo vasco, catalán e galego.

Esta lexislatura ten que ter en conta a axenda soberanista e abordar con valentía a cuestión territorial, que foi negada tantas veces.

—Hoxe participa nun encontro en Compostela, organizado por Vía Galega, canda representantes do nacionalismo galego e catalán. Como cre que deben ser as relacións entre as forzas nacionalistas do Estado?
A unión e a cooperación entre forzas soberanistas é máis necesaria que nunca. Ante a posibilidade de conformar un goberno progresista, temos unha oportunidade histórica de sumar forzas e acordar unha axenda compartida que responda ás reivindicacións da sociedade vasca, catalá e galega. Debemos xogar este partido xuntas.

—A súa intervención de hoxe xirará ao redor do dereito de autodeterminación no ámbito da UE. É posíbel o seu exercicio no espazo comunitario?
Territorios como Groenlandia, Escocia ou Irlanda do Norte teñen recoñecido o dereito de autodeterminación e demostrouse que non ocorreu nada por dar voz e palabra ao pobo. Consideramos que a UE non pode quedar de brazos cruzados e mirar a outro lado ante situacións como as vividas en 2017 en Catalunya, onde o Estado español impediu pola forza o exercicio do dereito a decidir.

A mediados de 2024, as nacións sen Estado teremos unha grande oportunidade no marco electoral europeo para apostar por unha Europa dos pobos, que protexa os dereitos e que recoñeza e ofreza un marco claro e seguro para o exercicio do dereito á libre autodeterminación.

Comentarios