O PP reitera que só falará en castelán no Congreso porque usar o galego sería "facer o canelo"

Borja Sémper porfía no argumentario defendido por Alberto Núñez Feixoo, a quen eloxia pola súa "traxectoria contrastábel en defensa da promoción" da lingua galega na Galiza como presidente da Xunta.
O vicesecretario de Cultura e Sociedade Aberta do Partido Popular, Borja Sémper, na rolda de prensa de hoxe. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera O portavoz do Partido Popular, Borja Sémper, na rolda de prensa de hoxe. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

O portavoz do Partido Popular e vicesecretario de Cultura e Sociedade Aberta, Borja Sémper, reiterou esta segunda feira que as e os deputados da súa formación falarán só en castelán no Congreso e non usarán as linguas co status de oficialidade no Estado español —galego, catalán e euskera—. A Mesa do Congreso deu luz verde á iniciativa rexistrada por PSOE, Sumar, BNG, ERC, EH Bildu e PNV a pasada semana, mais co voto en contra dun PP que adoptou unha posición belixerante desde que a nova presidenta da Cámara, a socialista Francina Armengol, deslizou en agosto esta idea.

"Imos falar en castelán", sentenciou Sémper nunha rolda de prensa ofrecida desde a sede do PP en Madrid, após a reunión do comité de dirección e un día antes do pleno do Congreso no que se abrirá a porta ao uso das linguas cooficiais por vez primeira na súa historia. O deputado 'popular' defendeu que este debate "non vai de linguas", senón dun "sentido común" que, dixo, "habería que recuperar no Congreso".

Tamén asegurou que a proposta non chegaría de non ser porque a situación "só beneficia Pedro Sánchez" para ser investido presidente do Goberno español. Neste senso, salientou que, até hai pouco tempo, a postura do PSOE a respecto do uso das linguas no Congreso "era a contraria" e insistiu en que a súa aceptación non é "un favor" a ningunha lingua, senón unicamente o "beneficio" de Pedro Sánchez.

E chegado a este punto, Borja Sémper acusou os partidos nacionalistas e independentistas de utilizar as políticas lingüísticas como "armas" por "obrigar os deputados a que poñan pinganillos" mentres que na cafetería "falarán en castelán". "Non é razoábel", proclamou, botando man do mesmo argumento que xa empregara o líder dos conservadores, Alberto Núñez Feixoo, o pasado 6 de setembro: "Non concibo un Congreso con pinganillo".

Así, Sémper confirmou que o seu partido non usará as linguas cooficiais a pesar de que Feixoo "é galego" e "fala unha lingua cooficial", cunha "traxectoria contrastábel", insistiu, "en defensa da promoción" do galego como presidente da Xunta da Galiza. Para o portavoz 'popular', falar en galego, catalán ou euskera na Cámara baixa sería "facer o canelo". "O que non imos facer é o canelo nin cousas raras. Imos facer cousas que entendan todos os españois e imos procurar que o Congreso dos Deputados non sexa unha caixa de resonancia na que só falamos os deputados para os deputados", manifestou.

O parlamentario, que non desvelou se o PP presentará unha emenda á totalidade ante a norma que regulará o uso das linguas cooficiais no Congreso, criticou que esta mesma terza feira xa se poida falar en catalán, galego ou euskera sen estar habilitado o novo Regulamento. "Seguimos defendendo o cumprimento da norma, tamén dun regulamento. E por tanto mañá vaise producir unha anomalía, por non dicir unha alteración groseira do regulamento do Congreso dos Deputados, porque se vai a alterar sen que se aprobase", sinalou, para engadir que o que vai ocorrer mañá é un "menoscabo" que "desprestixia" o Congreso.

Comentarios