O BNG propón que os fondos para Altri vaian para a Ulloa, Ulla e Arousa

Pontón pide un plan para "revitalizar" as comarcas
Pontón, no centro, esta sexta feira, con representantes do BNG e veciñanza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pontón, no centro, esta sexta feira, con representantes do BNG e veciñanza. (Foto: Nós Diario)

O BNG propón que os 250 millóns de fondos públicos que Altri require para o seu proxecto en Palas de Rei (A Ulloa), “e que o PP lle quere dar”, se destinen á posta en marcha dun Plan Ulloa-Ulla-Arousa para "revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico" destas comarcas, afectadas polo proxecto da multinacional portuguesa.

Así o expuxo esta sexta feira a portavoz nacional do BNG Ana Pontón, logo de se reunir en Palas de Rei con representantes do ámbito económico da Ulloa e visitar a cooperativa Milhulloa, “un dos moitos proxectos que apostan polo desenvolvemento sustentaábel para fixar poboación e que Altri poría en risco”. Pontón reiterou que o proxecto de Altri “é un engano” dado que non supón a posta en marcha dunha fábrica de fibras téxtiles “como anunciara o PP”, senón “unha macrocelulosa contaminante que non queren en Portugal”.

Fronte a este "atentado ambiental" que pon en risco “centos de empresas que xa están funcionando” non só na comarca da Ulloa, senón tamén en Melide, Arzúa ou tamén as do Deza e Arousa, Pontón afondou no plan sostíbel e alternativo que o BNG defenderá no Parlamento galego e que se basea en tres grandes eixos de actuación.

Os treis eixos do plan

O primeiro deles, o apoio a proxectos económicos de transformación no medio rural, con capacidade para innovar e para instalar novas empresas produtivas no ámbito agrogandeiro, e que incluiría liñas de axudas específicas para Pemes e cooperativas.

En segundo lugar, o plan Ulloa-Ulla-Arousa aposta pola recuperación do río Ulla, o que significaría contribuír tamén á recuperación da ría de Arousa, con investimentos específicos para mellorar a conservación do río para aproveitar todo o seu potencial económico, turístico e cultural.   

O último e terceiro grande eixo de actuación do plan é a “aposta por un novo modelo forestal sostíbel” cun monte multifuncional e que non se limite só á primeira transformación da madeira, senón que “vaiamos a unha segunda e a unha terceira transformación”.

Comentarios