O colectivo da tradución apoia o uso das linguas oficiais no Congreso

Nun comunicado, lembran que esta iniciativa “non é nova, senón que se intentou levar a cabo en máis dunha ocasión desde o 2006”.

Vista xeral do hemiciclo do Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista xeral do hemiciclo do Congreso, o pasado 30 de agosto. (Foto: Europa Press)

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, xunto co resto de entidades integrantes da Rede Vértice –que inclúe as asociacións de tradutores, intérpretes e correctores de todo o Estado-, toman partido no debate sobre o emprego das linguas oficiais na actividade parlamentaria no Congreso español.

Nun comunicado, lembran que esta iniciativa “non é nova, senón que se intentou levar a cabo en máis dunha ocasión desde o 2006”.

“Aínda que articular os dereitos lingüísticos de comunidades, grupos e persoas que comparten un mesmo espazo resulta extremadamente complexo, parécenos un exercicio imprescindible para garantir a convivencia”, din, engadindo que consideran que a nova proposta “corrixe unha incoherencia democrática contraria aos dereitos lingüísticos de moitas persoas”, os cales “están recollidos na Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos de 1996”.

A maiores, critican que “tendo en conta que o orzamento da Cámara Baixa ascende a máis de 110 millóns de euros en 2023, non deixa de sorprender” que se considere un “dispendio” o gasto nun servizo de tradución de interpretación “que contribuiría a garantir os dereitos dos falantes de todas as linguas oficiais”.

A asociación fundada en 2001 remata indicando que para a súa profesión é unha “boa nova” que se abra a posibilidade de que os deputados e deputadas do Congreso “falen nas súas linguas”.

Comentarios