Sánchez compromete o seu apoio ao PSdeG para acabar co goberno do PP na Galiza

O líder dos socialistas a nivel estatal e presidente do Goberno en funcións estivo hoxe en Oroso.
Sánchez, con Formoso en Sigüeiro (Foto: EP).
photo_camera Sánchez, con Formoso en Sigüeiro (Foto: EP).

O líder do Partido Socialista e presidente do Goberno estatal en funcións, Pedro Sánchez, comprometeu o seu apoio aos socialistas galegos para darse o "gusto" de acabar co goberno do Partido Popular en Galicia

Sánchez participou hoxe no municipio de Oroso na XII Festa Socialista da Galiza, á que asistiron máis de 2.500 militantes e simpatizantes socialistas.

Na romaría, na que os asistentes gozaron dun tradicional menú composto por empanada, polbo e carne ó caldeiro, o xefe de filas do PSOE comprometeuse a apoiar os socialistas galegos para "abrir unha nova época de cambio e avance" na Galiza.

Nun contexto no que a Galiza deberá afrontar eleccións no próximo verán -se non hai adianto-, Sánchez sostivo que a de Galiza será a segunda etapa do horizonte político que o PSOE abre en setembro e que empezará coa consolidación do goberno progresista no Estado español. "Unha será un goberno progresista en Madrid e, logo, un goberno progresista na Galiza. Haberá cambio na Galiza", dixo.

O dirixente socialista dirixiuse aos asistentes para asegurarlles que coa marcha de Feixoo a Madrid gañaron os galegos e perderon "os españois. "Eu non sei se a Feixoo a política nacional vénlle grande ou lle pilla lonxe, pero a sensación que temos no resto de España, fóra da Galiza, é que nos destes gato por lebre, porque pensabamos que daba para máis o señor Feixoo", apuntou.

Apoio do PSdeG

No acto tamen falou o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, quen ratificou o apoio do socialismo galego ao candidato Sánchez para reeditar o goberno progresista. Tamén fixo unha chamada a apostar por "dialogar e construír" e sostivo que "a xente votou que quere diálogo, non confrontación".

O tamén alcalde das Pontes (A Coruña) sinalou que a pesar de que "todos os poderosos buscaban que Pedro -Sánchez- non gobernase, a xente ten voz propia e entende que o espírito da transición é perdoar, é sentar co que pensa diferente para deseñar un país mellor".

"Se fose polos mesmos que din que rompe España, Zapatero non terminaría co terrorismo coa súa valentía", apuntou Formoso, para engadir que son as actuais xeracións de políticos os que "teñen a obrigación de escribir as novas páxinas na historia". "Non podemos vivir do pasado", dixo.

Romería socialista

O xefe de filas do PSdeG reivindicou a importancia desta celebración que se realiza por duodécima vez, na que se reúne a militancia de toda a Galiza nun evento "imprescindíbel para mandar un sinal de esperanza á sociedade galega".

"Necesitamos vernos, estar unidos ante unha dereita que quere acabar connosco", dixo o secretario xeral do PSdeG, que considerou que o principal obxectivo do PP é evitar que entre a dereita ultraespañolista Vox na Galia e que, por iso, teñen o mesmo discurso que eles

Ademais, entre os cargos institucionais, púidose ver ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como ás alcaldesas da Coruña, Inés Rei, e Lugo, Lara Méndez. Tamén acudiu o ministro de Sanidade en funcións e deputado pola Coruña, José Miñones.

Comentarios